Convócase un concurso para elixir a imaxe do proxecto Come Ourense, para fomentar a agricultura ecolóxica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ourense convoca un concurso de deseño gráfico para elixir a imaxe do proxecto “Come Ourense”, que pretende fomentar a agricultura ecolóxica aproveitando terreos en desuso na periferia da cidade. A iniciativa persigue fomentar acordos de cesión entre propietarios de terreos e produtores voluntarios, que se comperometerían ao coidado das terras durante un período de tempo a cambio de poder traballalas.

No marco deste proxecto, apoiado polo programa europeo Urbact II, a Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión do día 20 de febreiro as bases do concurso para elixir a imaxe de Come Ourense.

Poderá participar calqueira persoa física ou xurídica do Concello de Ourense, ou que estea a desenvolver unha formación na cidade. Os traballos terán técnica libre, e serán presentados en soporte dixital e, opcionalmente e de forma complementaria, en formato físico, para a súa valoración. Incluirán: logo, cartaz, cartaz de horta e etiqueta alimentaria.

Os deseños deberán reflexar o espíritu do proxecto “Come Ourense”, facendo especial referencia ao fomento da soberanía alimentar da cidade, o “kilómetro cero” alimentario e o produto local, de tempada i ecolóxico, ourensán.

O concurso está dotado cun premio por importe de 500 euros. As persoas interesadas poderán presentar as súas propostas no Rexistro Xeral do Concello, nun sobre sen identificación ou referencia, máis ca un pseudónimo ou lema, durante un prazo de 30 días dende hoxe.

Os deseños  presentados quedarán en poder do Concello de Ourense, e o deseño gañador será empregado como imaxe do proxecto.

Colaboración dos propietarios

Comeourense pretende fomentar a produción, distribución e promoción dunha alimentación sustentable, saudable e ecolóxica, á vez que se redundará na limpeza das zonas, fomentando a súa seguridade e reducindo a probabilidade de incendios.

O Concello de Ourense convida a participar nesta iniciativa, tanto ás persoas que desexen cultivar terras como moi especialmente a titulares de terreos abandonados que, deste xeito, terán a garantía de que as súas propiedades se atopan limpas, cumprindo así co establecido na ordenanza municipal de limpeza de terreos e solares e de proteción contra incendios forestais.

A norma establece a obriga que teñen as persoas propietarias ou usufructuarias de solares ou terreos de mantelos limpos e advirte da existencia de sancións de entre 60 a 600 euros (por infracción leve), de 601 a 1.500 euros, no caso das infraccións graves, e de 1.500 ata os 3.000 euros (en caso de infracción moi grave) no caso de incumplimentos.

As persoas que desexen participar en Come Ourense poden achegarse ás oficinas de Rehabilitación do Casco Vello e Seixalbo, para obter máis información e inscribirse nete proxecto.

27 de febreiro de 2014 | 10:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.