Conde Roa prestará declaración a petición propia o vindeiro venres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
E.P.

O exalcalde de Santiago Gerardo Conde Roa volverá prestar declaración a petición propia o próximo 7 de marzo ante a xuíza instrutora da ‘Operación Pokémon’, Pilar de Lara de Cifuentes.

Segundo consta nunha providencia da xuíza, Conde Roa solicitou prestar declaración “e achegar documentación de interese para a causa”.

O exrexedor compostelano, que se atopa entre o centenar de imputados na causa, foi citado para as 10,00 horas do próximo venres 7 de marzo.

Ademais, noutra providencia remitida ás partes, a xuíza sinala que poden intervir “tódalas partes no interrogatorio”, xa que “Conde Roa solicita prestar declaración de xeito voluntario para aclarar extremos coñecidos do sumario”

Na provincia, con data 27 de febreiro, engade a xuíza instrutora que “se entende que a súa declaración versará sobre aspectos respecto dos cales se alzou o segredo sumarial”.

DECLARACIÓNS ANTERIORES

As anteriores declaracións de Conde Roa permanecen baixo segredo, xa que a xuíza mantén entre os folios aínda declarados secretos as comparecencias deste no marco dunha peza separada sobre unhas actuacións concretas.

Tamén seguen baixo segredo nesa peza as manifestacións da concelleira de Réxime Interior e Persoal de Santiago, Amelia González Brandariz; do exedil de Seguridade compostelano Albino Vázquez Aldrey; a que fose concelleira e actual voceiro do PPdeG, Paula Prado; e do marchante de arte Leonard Patterson.

Conde Roa comparecera ante a xuíza Pilar de Lara o 4 de marzo do ano pasado e, posteriormente, a petición propia o 29 de marzo, aínda que esta declaración se tivo que retomar o 15 de abril de 2013 porque no seu momento tivo que ser suspendida porque a xuíza estaba de garda e tivo que atender un caso de violencia de xénero rexistrado en Lugo.

Posteriormente, o 9 de xullo do ano pasado o exalcalde compostelano compareceu de novo ante a titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo.

28 de febreiro de 2014 | 12:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.