Concello e hosteleiros de Neda lanzan un concurso de disfraces vía facebook
Concello e hostelería de Neda propoñen este ano dúas novidosas iniciativas para celebrar o Entroido. Así, segundo explicou a concelleira de Promoción Turística, Montse Rico, do 28 de febreiro ao 5 de marzo, diferentes bares e cafeterías da localidade ofrecerán aos seus clientes os “Bocados de Entroido”. A súa consumición irá acompañada dun pincho elaborado a base de productos típicos destas datas. Así mesmo, recibirán unha rifa que lles dará dereito a participar nos diferentes sorteos de cestas que, cada establecemento participante, levará a cabo entre a súa clientela. Non só iso, a edila animou a veciños e visitantes a acudir aos locais cos seus disfraces e a compartilos na páxina de Neda Turismo en facebook colgando nela as súas fotografías. Os cibernautas poderán entón votar os mellores disfraces clickando no apartado “Me gusta”. O gañador recibirá un obsequio.
A maiores, a hostelería local tamén plantea aos nedenses festexar o Entroido na mesa con outra proposta: degustando un bo cocido. Así, dende o venres 28 de febreiro e ata o 2 de marzo, restaurantes e cafeterías porán a disposición dos interesados un servizo de reserva única e exclusivamente para saborear este prato.
O programa deseñado polo Concello para celebrar o Entroido inclúe tamén un Baile de disfraces para a Terceira Idade no Centro Cívico Ramón Millarengo o venres, 28 de febreiro, a partires das 18 horas. Coa música do grupo La Clave, contará con degustacións de productos típicos destas datas, tal que freixós, orellas, lacón… Como vén sendo habitual neste tipo de citas, a entrada terá un prezo único de dous euros e, esta, dará dereito a participar nos diferentes sorteos de productos gastronómicos que se levarán a cabo no transcurso do baile.
Por último, o Concello organizará o domingo, 2 de marzo, no pavillón polideportivo San Isidro e en horario de tarde a Festa infantil de Entroido. Con entrada libre, haberá xogos e talleres para os máis pequenos.











