Concello de Neda e Garda Civil promoven charlas en materia de seguridade
O Concello de Neda, a través da Concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Terceira Idade, e a Garda Civil alíanse para ofrecer unha serie de charlas en materia de seguridade. Celebraránse este mes os días 17 e 26 na Casilla do Puntal e, o 20, no local social da AVV de Anca. Nos tres casos, darán comezo ás 18 horas, con entrada libre e gratuíta.
As charlas están incluídas no Plan Maior Seguridade da Secretaría de Estado do Ministerio do Interior, e serán impartidas polo persoal formador da Garda Civil. A primeira conferencia celebraráse o 17 de febreiro na Casilla do Puntal baixo o título “Prevención e mellora da seguridade dos nosos maiores”. Charla que se repetirá o día 20 en Anca. O obxectivo é facilitar información aos maiores dos ricos que constitúen unha maior ameaza para a súa seguridade e as medidas de prevención dos mesmos. Trataránse temas como o maltrato das persoas maiores no seu ámbito familiar, residencias…; medidas de prevención de roubos nos seus domicilios; para a prevención de tiróns, furtos e roubos no entorno das entidades financieras, ou accións de prevención de estafas e do uso fraudulento das súas propiedades, fondos, cartos e cartillas de aforro por parte de terceiras persoas. Ao mesmo tempo, trátase de fomentar a confianza das persoas maiores nas Forzas e Corpos de Seguridade e desenvolver conductas proactivas para a denuncia das situacións e delictos dos que poden ser vítimas.
Doutra banda, a charla sobre Internet e redes sociais, que se celebrará o 26 de febreiro na Casilla, ten como obxectivo fundamental potenciar a máxima información sobre os principais perigos que hai detrás de Internet e a necesidade de protexer sempre a identidade e a privacidade persoal, moi concretamente as fotografías e vídeos, para evitar que chegue aos “ciberdelincuentes” ou “ciberacosadores”.











