Concello de Mugardos e Xunta asinan a cesión dun baixo e un soto
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, e o alcalde de Mugardos, Xosé Fernández Barcia, formalizaron esta mañá a cesión dun local ubicado no edificio das vivendas de promoción pública construídas no municipio polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). No acto no que se levou a cabo a sinatura do acordo, Do Campo procedeu tamén á entrega das chaves ao concello, que nas vindeiras semanas deberá definir os usos aos que destinará estas instalacións.
O inmoble, que se atopa na rúa Eduardo Pondal, consta dunha planta baixa e un soto e unha superficie total de 81,65 metros cadrados. Ademais, dispón dunha praza de garaxe. As instalacións son anexas ao conxunto residencial, formado por nove vivendas unifamiliares adxudicadas polo departamento autonómico en 2012, despois dun investimento de case 870.000 euros.
Durante o encontro, no que tamén estivo presente o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Antonio Álvarez, a delegada destacou a importancia da colaboración entre a administración autonómica e a local, que permite reducir os custos e aumentar a eficiencia dos servizos públicos que reciben os cidadáns, que son os grandes beneficiados desta suma de esforzos. O acordo asinado responde á compensación realizada pola Xunta ao Concello pola cesión gratuíta do solo para a construción das vivendas de promoción pública. O uso será de balde para o administración local, se ben deberá facerse cargo do gasto corrente e de mantemento deste local.