Comezan os traballos para repoñer a cuberta do pavillón do Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Esta mañá comezaron os traballos previos á reposición da cuberta do pavillón polideportivo do Milladoiro, que resultou afectada polo temporal de vento. Tanto na tarde do xoves como hoxe venres, o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, visitaron as instalacións deportivas para valorar e avaliar os danos causados polo temporal. Ademais, a zona de acceso ao pavillón, á Casa da Cultura e ao IES do Milladoiro quedou acordoada pola Policía Local.

Os efectos do temporal Qumaira obrigaron ao Concello de Ames a suspender ata novo aviso todas as actividades deportivas previstas tanto no pavillón como no IES do Milladoiro para garantir a seguridade dos usuarios/as desta instalación. Esta mesma mañá procedeuse á recollida no entorno do pavillón de todos os elementos arrastrados polo vento e comezaron os traballos previos para substituír as pezas que foron levantadas pola acción do vento. Os traballos continuarán nas vindeiras xornadas tendo en conta as condicións meteorolóxicas. En total, o temporal provocou o levantamento de tres pezas da cuberta do pavillón, o que supón unha superficie de aproximadamente 45 metros cadrados.

A incidencia de Qumaira deixouse notar en diferentes puntos do municipio, especialmente coa subida do nivel das augas no paseo fluvial e coa caída de árbores e colectores que tiveron que ser retirados. Durante toda a xornada, os operarios de obras e os membros da Policía Local estiveron atendendo todas as incidencias rexistradas. O persoal da brigada de obras tivo que realizar tala de árbores en distintos puntos do municipio entre os que se atopan Eirapedriña, Ameixenda, Castiñeiro do Lobo, Tarroeira, Lapido ou Agrón.

7 de febreiro de 2014 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.