Comeza en Teo o curso de graduado en ESO con todas as prazas cubertas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A concelleira de Educación, María Álvarez Garea, participou onte no inicio do curso de graduado en ESO para adultos/as organizado polo Concello de Teo, no que se fixo a presentación da actividade e se abordaron os obxectivos da mesma. A edil destacou diante dos participantes os bos resultados obtidos no curso do ano pasado, como un incentivo máis para animalos a completar esta formación con aproveitamento.

O curso de graduado conta con 35 prazas dispoñibles, que se completaron na inscrición. De feito quedaron seis persoas en listaxe de agarda. O Concello de Teo leva máis de dez anos ofertando esta formación e nos últimos anos vense detectando unha demanda estable xa que se trata dunha formación cada vez máis imprescindible para entrar no mercado laboral.

Esta actividade impártese este ano no CSC da Ramallosa, nun espazo na planta do soto acondicionada para as clases, que se impartirán en horario de 08:20 a 22:40 horas e terá unha duración de seis meses. Este horario é compatible coa xornada laboral, xa que de feito unha pequena porcentaxe dos participantes traballa.

Durante a presentación de onte tamén se lles indicaron as datas de exame para obtención do título, que serán o 23 de maio e o 11 de setembro. O ano pasado presentáronse ás probas 29 persoas das que aprobaron nalgunha das dúas convocatorias 21 persoas, algo máis do 70% das persoas propostas para facer os exames.

11 de febreiro de 2014 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.