Colectivos e empresarios interesados no PXOM reúnense na CEO para coñecer os seus pormenores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Colectivos afectados polo desenvolvemento do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para a cidade, reuníronse hoxe pola tarde na CEO co fin de acudir a unha sesión informativa conducida polo asesor Alfredo Cerezales Fernández. Os presidentes da Confederación Empresarial, a Cámara de Comercio, a Asociación de Construtores e a de Empresarios Inmobiliarios figurban entre os asistentes, ademais doutros asociados á CEO, gremios sectoriais e empresas a título particular.

A presenza deste asesor xustifícase na petición, por parte dos asociados da CEO na última xunta directiva da entidade, de facer un seguimento deste plan urbanístico desde a súa publicación no DOGA o pasado mes de novembro e até a súa aprobación definitiva. Esta inquietude deu lugar á constitución dunha mesa de traballo cuxos integrantes canalizaron as reivindicacións e inquietudes de numerosos colectivos en relación a este tema e acordouse, por tanto, convocar a este experto para asesorar e facilitar a redacción de alegacións a este documento urbanístico por parte daqueles colectivos integrados nas entidades organizadoras.

Tomando como base a pluralidade de intereses e particularidades dos colectivos asistentes, Cerezales levou a cabo unha exposición técnica dos detalles do plan que lles poden afectar para que, en función deste informe, cada grupo, asociación ou empresa realice as alegacións pertinentes. Alfredo Cerezales atendeu ás demandas concretas destes colectivos que, a partir destas conclusións trasladarán aos seus asociados a mellor maneira de enfocar a protección dos seus intereses.

A pesar dos diferentes intereses que defenden os colectivos congregados hoxe e as súas singularidades, si en algo coinciden é que este Plan marcará un modelo de cidade para as próximas dúas décadas, polo que ten que servir para crear un marco normativo estable que facilite o seu desenvolvemento e confíralle seguridade á hora de emprender novos proxectos, non só no sector da construción, senón tamén en calquera tipo de actividade. Por iso, todos os colectivos defenden que o Plan debe ter en conta tanto o ámbito industrial, tendo en consideración as zonas da capital e municipio que acollen empresas, como o da construción ou o de comercio e servizos, tanto pola súa necesaria recuperación económica no primeiro caso como polo seu peso específico na economía da cidade no caso do comercio.

5 de febreiro de 2014 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.