COGAMI organiza charlas de prevención de lesións medulares no IES nº 1 de O Carballiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

O obxectivo da charla é concienciar á mocidade da importancia da prevención de situacións de risco para evitar as lesións medulares

O mércores, 5 de febreiro, ás 12:45 horas, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) imparte no IES número 1 de O Carballiño, unha charla de sensibilización sobre a prevención de lesións medulares.

Dirixida ao alumnado de 3º curso da ESO, esta charla vai ser impartida, durante 50 minutos, pola Traballadora Social da Federación Discafis-COGAMI de Ourense, Montse Vázquez, quen irá acompañada dun voluntario, Daniel Fernández, que contará a súa propia experiencia vivida con 18 anos, cando un condutor borracho o acometeu cando conducía a súa motocicleta, ocasionándolle longas estadías en centros hospitalarios e o ter que camiñar cunha prótese.

Temas como a descrición das secuelas da lesión, como asumir e superar ditas secuelas, a descrición de barreiras arquitectónicas e sociais,… van ser tratados coa finalidade de lograr que os rapaces e rapazas se decaten da importancia que ten a prevención para evitar situacións de risco que poden derivar en lesións graves.

Con estas charlas inténtase contribuír á paulatina redución dos índices de discapacidade adquirida na poboación en xeral, e entre a mocidade en particular. É unha actividade que desenvolve COGAMI e que está orientada cara a colexios, institutos, centros universitarios e centros laborais co obxectivo de concienciar aos grupos de risco –mocidade, deportistas, profesionais- sobre as situacións de perigo máis evidentes como poden ser os accidentes domésticos, as caídas, os mergullos en zonas perigosas e os hábitos de prevención.

4 de febreiro de 2014 | 10:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.