COGAMI ofrece charlas de prevención de lesións medulares no IES Don Bosco de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

O obxectivo da charla é concienciar á mocidade da importancia da prevención de situacións de risco para evitar as lesións medulares.

O xoves, 13 de febreiro, ás 12:00 horas e ás 13:15 horas, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) imparte no IES Don Bosco de Vigo, dúas charlas de sensibilización sobre a prevención de lesións medulares.

Dirixida ao alumnado de 1º e 2º da ESO, a primeira charla, e a alumnado de 3º e 4º da ESO, a segunda, estas charlas van ser impartidas, durante 50 minutos, pola orientadora laboral de COGAMI en Vigo, Mercedes Rodríguez,  quen irá acompañada dun voluntario, Ramón Rodríguez, que contará a súa propia experiencia vivida dende que tivo unha lesión medular por un sinistro de motocicleta.

Temas como a descrición das secuelas da lesión, como asumir e superar ditas secuelas, a descrición de barreiras arquitectónicas e sociais,… van ser tratados coa finalidade de lograr que os rapaces e rapazas se decaten da importancia que ten a prevención para evitar situacións de risco que poden derivar en lesións graves.

Con estas charlas inténtase contribuír á paulatina redución dos índices de discapacidade adquirida na poboación en xeral, e entre a mocidade en particular. É unha actividade que desenvolve COGAMI e que está orientada cara a colexios, institutos, centros universitarios e centros laborais co obxectivo de concienciar sobre as situacións de perigo máis evidentes como poden ser os accidentes domésticos, as caídas, os mergullos en zonas perigosas e os hábitos de prevención.

12 de febreiro de 2014 | 10:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.