COGAMI inicia un curso de formación profesional para 15 persoas con discapacidade de Santiago e comarca
O alumnado deste curso, que é sobre Xestión Contable, procede dos concellos de Santiago, Ames, Padrón, Ordes, Vedra, Oroso, Trazo e Negreira.
Un grupo formado por 15 persoas con discapacidade, 10 homes e 5 mulleres, vén de iniciar nas instalacións que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en Santiago (rúa Modesto Brocos, nº7, 3º bloque, baixo) un curso de formación profesional sobre Xestión Contable.
Este curso está financiado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).
As persoas que inician a acción formativa proceden dos concellos de Santiago, 7, Ordes, 2, e o resto dos alumnos veñen de Ames, Vedra, Oroso, Trazo, Padrón e Negreira. Todos teñen discapacidade recoñecida ou incapacidade laboral e, para participar, foi necesario que tiveran coñecementos previos en contabilidade, co que este curso lles vai servir para mellorar a súa preparación.
A formación vaise impartir durante dous meses, constando dun total de 144 horas lectivas presenciais, en horario de 16:00 a 20:00 horas. Ao remate das clases teóricas, o alumnado terá a oportunidade de establecer un período de prácticas en empresas da zona.