Coempo e Ponte Caldelas converterán o pavillón de deportes nun centro comercial urbano
A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Ponte Caldelas (COEMPO), en colaboración co Concello de Ponte Caldelas, converterán o pavillón de deportes nunha macro centro comercial urbano, durante o fin de semana do 15 e 16 de febreiro, cunha nova edición do salón de oportunidades “Feira do Verdugo 2014” na que a entrada será gratuíta.
Os visitantes terán a opción de adquirir produtos ofrecidos por unha trintena de establecementos comerciais do municipio a uns prezos moi rebaixados para a ocasión con descontos que irán desde o 20 ao 50% en moitos das casetas presentes na feira.
Durante o fin de semana, do sábado 15 e domingo 16, as persoas que visiten o pavillón municipal de deportes de Ponte Caldelas poderán coñecer as ofertas en sectores tan distintos como o téxtil, calzado, enxoval, repostaría, maquinaria agrícola, sistemas de calefacción, deportes, pesca, caza, mascotas e mundo animal, disfraces, complementos, bixutaría, frutería, cosmética, perfumaría, videoxogos, etc.
Todos os produtos que poderán ser adquiridos na “Feira do Verdugo” contarán con todas as garantías de calidade esixidas pola normativa española e europea en materia de dereitos do consumidor coa vantaxe de que estarán a un prezo especial para facilitar a compra por parte dos miles de visitantes que se espera acudan a visitar as novas casetas adquiridas polos empresarios e comerciantes de Ponte Caldelas e que se estrearán na presente edición da “Feira do Verdugo”.
Este salón de oportunidades volve celebrarse no renovado pavillón municipal de deportes tras as obras de construción que supuxo a súa modernización definitiva. Precisamente, para evitar que a colocación das casetas e a acción dos miles de visitantes que se prevén a este recinto, cubriuse a pista cunha protección sobre a que se colocará unha moqueta, xa adquirida o pasado ano, para evitar danos nas instalacións deportivas.
Esta feira de oportunidades conta coa colaboración económica e organizativa do Concello de Ponte Caldelas dentro da súa vontade de axudar cun dos sectores máis dinámicos do municipio e favorecer a promoción económica non só dos participantes senón tamén do sector hostaleiro que se verá beneficiado pola previsible afluencia de público e visitantes que se acheguen durante este fin de semana até Ponte Caldelas.











