Clausura en Nigrán do curso “Actívate” de animación e tempo libre
O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, a deputada provincial, Marta Iglesias, e a concelleira de Patrimonio, Xuventude e Igualdade, María José Pino, clausuraron na tarde noite de onte o curso de Deseño, planificación e desenvolvemento de actividades de lecer e tempo libre enmarcado dentro do plan “Actívate” da Deputación de Pontevedra. O curso, no que participaron máis dunha vintena de mozas de entre 16 e 35 anos de Nigrán, tivo unha duración total de 40 horas.
O programa “Actívate” ten como obxectivos proporcionar formación aos máis novos, orientalos na procura de emprego e implementar o seu desenvolvemento persoal, artístico e creativo a través da ocupación do seu tempo en períodos de inactividade laboral.
No últimos tres anos, máis de 4.000 mozos da provincia participaron nalgún dos cursos deste plan da Deputación de Pontevedra, cun investimento total superior aos 219.000 euros. En Nigrán, desde 2011 celebráronse até seis cursos “Actívate”, de prevención de riscos laborais, técnicas de venda, coidados básicos para persoas maiores, técnicas de aseo a persoas dependentes, deseño de camisetas e serigrafías e o que se clausurou hoxe no Salón de Plenos municipal.











