Ciudad Ciencia achega o universo a 900 escolares de Cangas

Escolares en Ciudad Ciencia
Esta mañá preto de 900 alumnos e alumnas dos centros escolares de primaria e secundaria de Cangas, congregáronse no Auditorio Municipal para asistir á conferencia “El universo, ¿conocido?”. Esta actividade enmárcase dentro do programa de divulgación científica “Ciudad Ciencia” no que o concello de Cangas participa.
A charla correu por conta do astrónomo Emilio José García, membro da Unidade de divulgación e comunicación do Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC).
A actividade dividiuse en dúas sesións coa finalidade de adaptar o contido da charla á idade dos asistentes. Así, ás 10.00 horas tivo lugar a conferencia dirixida máis de 500 nenos e nenas de 5º e 6º curso de Educación Primaria e ás 12.00 horas comezou a charla á que asistiron 382 alumnos e alumnas de 1º, 2º, 3º, e 4º da E.S.O.
Antes de presentar ao conferenciante o concelleiro de Medio Ambiente e Coordinador de “Ciudad Ciencia” en Cangas Jesús Graña aproveitou para explicar aos asistentes qué “Ciudad Ciencia” é un proxecto de divulgación científica que ten como obxectivo achegar a ciencia a toda a poboación, especialmente ás pequenas vilas e cidades. Trátase dunha iniciativa promovida polo CSIC, o organismo científico máis grande de España que se encarga de investigar e fomentar a ciencia levando os seus estudos á vida real, e a Fundación Obra Social La Caixa. Graña declarou que “Cangas pode presumir de ser o único concello de Galicia que participa neste proxecto”.
Durante a charla, que se caracterizou pola interactividade, o conferenciante Emilio José García tratou de aportar algo de luz aos misterios que o universo ofrece, abordando diversas puntos como qué é a astrofísica ou como traballan os astrofísicos. Explicou aos asistentes que o seu traballo consiste en estudar os diversos compoñentes do universo e que para iso sérvese de satélites controlados por ordenadores ou de pedazos de elementos do universo que chegan ata nós en forma de meteoro ou extraídos por naves. Tamén fixo unha breve referencia sobre a historia do telescopio “que supuxo unha invención de vital importancia para o coñecemento do universo” e realizou unha pequena performance coa colaboración de algúns dos nenos e nenas para explicar a teoría do “Big Bang”.
Os asistentes complementaron esta actividade visitando a exposición “El universo para que lo descubras” tamén organizada por “Ciudad Ciencia”, que dende a pasada semana e ata o día 25 deste mes se exhibe no Auditorio. Esta mostra fotográfica pretende achegar a astronomía ao público xeral por medio de imaxes obtidas con satélites e telescopios situados en diferentes países e ata o de agora xa recibiu a vista de moitos curiosos.
Graña afirma que o éxito de asistencia e o bo comportamento dos rapaces e rapazas anima a continuar apostando por este proxecto dende o Concello de Cangas. Así mesmo, anuncia que no mes de marzo haberá outra conferencia dedicada ao público en xeral.











