Cincocentos padexeiros daranse cita en Verducido esta fin de semana
O Campionato Galego de piragüismo, que se disputará o sábado pola mañá en Verducido, suporá un rexistro histórico de participación. Na liña de saída estarán máis de cincocentos padexeiros, unha cantidade nunca antes alcanzada nunha competición destas características.
Sobre un percorrido de cinco mil metros, as probas comezarán ao nove e media da mañá. Cadetes, xuvenís, sénior e veteranos, tanto nas modalidades de K-1 como C-1, serán os protogonistas das regatas. Realizaranse un total de sete saídas.
Iván Alonso ou Ton Campos serán algúns dos que tomen parte no Campionato Galego, a primeira proba importante da tempada. O Kaiak Tudense, que defende o título conquistado na anterior edición, convértese outra vez en favorito. Tamén o As Torres de Catoira, Romaría Viquinga, que se presenta á cita cun poderoso equipo.
A eles débese unir a Cidade de Pontevedra, que tivo unhas destacadas actuacións a tempada pasada, ou o Pontecesures e o Boiro.
Serán 32 as formacións que participen no Campionato Galego de inverno. Ao redor de cincocentos padexeiros tomarán parte nunha proba que creceu tanto en número de deportistas como en equipos que toman parte na mesma.











