Cedeira recupera a Comisión de Festas
Cedeira recupera este ano a Comisión de Festas. O Alcalde, Luis Rubido, mantivo onte pola mañá unha xuntanza na casa consistorial cos seus integrantes: Esteban Blanco Garrote, Óscar Pérez Pérez, José Marín Ameneiros, Andrés Garrote Piñón e Aitor Pérez Fernández. Un grupo de mozos que prometen traballo e adicación para lograr unhas festas que satisfagan todos os gustos e para todas as idades. Deste xeito, a Comisión traballará conxuntamente co Concello na organización da Patrona deste 2014, xa que a Administración local continuará asumindo o custe dunha importante porcentaxe das celebracións e colaborando en todo o posible.
Pola súa banda, os integrantes da Comisión trasladáronlle ao Alcalde a súa intención de buscar fórmulas e accións novidosas para recadar fondos entre a veciñanza coa firme intención de organizar unhas festas de altura nunha vila na que teñen un peso fundamental máis aló do ocio, especialmente pola súa repercusión na economía local a través da hostelería e o comercio. De feito, a Comisión xa traballa no cartel de concertos e na disponibilidade de grupos e, a curto prazo, dará a coñecer as súas propostas. Así mesmo, xa puxeron en marcha diversas plataformas nas redes sociais para coñecer a opinión da veciñanza e compartir cos cedeireses o seu traballo.











