Cedeira acolle o tradicional desfile de disfraces e carrozas de Entroido este sábado
Como vén sendo tradición, Cedeira celebrará ao grande o Entroido. Así, este sábado, 1 de marzo, o Concello invita a nenos e maiores a participar no Desfile de Disfraces e Carrozas que percorrerá todo o casco urbano. Unha cita que se prevé multitudinaria e que arrancará ás cinco da tarde da Avenida de Castelao, á altura do establecemento Saint Tropez. De alí, partirá cara o casco vello e, tras percorrer a zona, rematará no Parque do Sagrado Corazón. Será este o escenario onde se realice a entrega de premios aos mellores disfraces. Pero a festa non acaba aquí, xa que a medianoite dará comezo unha gran verbena a cargo da orquestra Assia. Verbena para a que se habilitará unha carpa co ánimo de evitar cancelacións a causa da choiva.
A programación deseñada polo Concello para este Entroido 2014 retomaráse o luns, 3 de marzo. Nesta ocasión, nenos e nenas serán os principais protagonistas, xa que para eles se celebrará un gran baile infantil de disfraces. Como no caso anterior, o escenario será o Parque do Sagrado Corazón, con hora de inicio ás cinco da tarde. Unha cita que tamén contará cun sinfín de xogos guiados por monitores.











