“Carballo na memoria” achégase aos escolares para que colaboren na recuperación de imaxes históricas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O proxecto”Carballo na memoria” vén de visitar o IES Alfredo Brañas de Carballo, no que un numeroso grupo de alumnos e alumnas encheu o salón de actos para coñecer as claves desta iniciativa que pretende recuperar a historia fotográfica da vila coa colaboración de todos os veciños e veciñas. O profesor do centro e historiador Xan Fraga, o responsable de Abertal Networks, empresa encargada da parte técnica do proxecto, Manuel Pan e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presidiron unha sesión centrada en explicar as claves de “Carballo na memoria” e as diversas formas en que a mocidade pode colaborar para axudar neste labor de “recuperación global da memoria histórica”, en verbas de Pan. Así, os máis novos poden participar dixitalizando directamente as imaxes que atopen nas súas casas ou nas dos seus veciños e veciñas e familiares, mais tamén preguntando polo contido das fotos “e sacando o coñecemento máis alá das imaxes”, segundo Pan. Tamén poden difundir as claves do proxecto entre os seus maiores e axudalos a ver as imaxes que están no web, nas que seguramente poderán recoñecerse ou os lugares que aparecen.

Pan, ficho especial fincapé na importancia das fotos das parroquias, de aldeas e lugares que normalmente son menos comúns ou máis difíciles de atopar. E tamén explicou un pouco o funcionamento xeral do proxecto e do web de “Carballo na memoria”. Pola súa banda, Xan Fraga abriu un acto que foi pechado polo Alcalde, Evencio Ferrero, amosando algunhas das fotos máis emblemáticas da vila no século XX e explicando un pouco a súa intrahistoria. Así, o alumnado puido coñecer mellor o antigo edificio do Concello, construído hai xusto un século en 1914 e deseñado por Xulio Galán, importante arquitecto modernista galego. E derrubado en 1974, xusto 60 anos despois da súa edificación. Tamén amosou imaxes da antiga Igrexa parroquial, de estilo neorrománico, ou da coñecida como Casa de Chinto, do Alcalde Jacinto Amigo Lera, tamén desaparecida. Así mesmo, ensinou imaxes da construción do propio IES Alfredo Brañas no ano 1971, e fotos posteriores xa dos anos 80 para ofrecer unha pequena mostra “do que se pode facer con ‘Carballo na memoria'”, non só recuperando as fotos, senón investigando o que hai detrás de cada unha delas para “que todos sexamos partícipes da memoria colectiva da capital de Bergantiños”.

Para iso, xa está dispoñible un Punto de Recollida de imaxes no Museo de Bergantiños. Alí, os carballeses e carballesas poden levar as súas imaxes en soporte papel e seranlles devoltas uns días despois acompañadas dun soporte dixital. A única contrapartida para a cidadanía é o de permitir que esas fotografías se fagan públicas e formen parte do proxecto. Ou poden entrar en “Carballo na memoria” e subir e comentar as fotos directamente, engadindo datos e anécdotas que lle dean vida ao proxecto. Ademais, os días 17 e 19 de febreiro os responsables da iniciativa visitarán o IES Parga Pondal, despois de estar xa no Monte Neme o 24 de xaneiro, para continuar a difusión do proxecto. Todo co obxectivo de sacar as fotos dos caixóns das casas e contribuír a recuperar a historia da vila.

14 de febreiro de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.