Cangas pecha co mellor resultado orzamentario da súa historia os presupostos do 2013
Este fin de semana foi presentado a liquidación dos Orzamentos do 2013 por parte do concelleiro de Facenda Pío Millán. O edil sinalou que o Concello de Cangas cerra o 2013 cun resultado orzamentario histórico cun superávit de 3.702.619,20 euros. “Esta cifra ten dúas causas principais, por un lado a política de contención do gasto e por outro a prudencia e realismo no tocante a previsión de ingresos” declarou Millán.
Se ben houbo un incremento no capítulo de persoal debido ao pago da correspondente extraordinaria aos empregados públicos, retida no ano 2012 por orde do goberno central, e que supuxo 360.000 euros ás arcas municipais e ao abono de atrasos de pagos a Seguridade Social por valor de 321.000 euros, tamén houbo unha redución dun 42% no gasto corrente. Esta dato é resultado de que no exercicio anterior foron recoñecidas mediante operacións de crédito débedas de exercicios anteriores que ascendían a 1.541.756,66 euros e que foron financiadas ao amparo do R.D. 4/2012.
O responsable de Facenda tamén destacou que o grao de execución dos orzamentos ascende ao 86 % das obrigación recoñecidas, o que supón un incremento de 5 puntos respecto ao 81% rexistrado no exercicio anterior.
En canto os ingresos Millán revelou que no 2013 recadouse o 92,97% do estimado. Neste senso destacan o grao de execución dos impostos indirectos e as taxas que alcanzaron o 119,02% e o 118,64% respectivamente. “Estas cifras sumadas a prudencia amosada nos orzamentos na previsión de ingresos son aspectos clave para comprender o excelente resultado orzamentario no pasado ano” recalcou o edil.
Pese a todo, o concelleiro de Facenda recalcou que o goberno local segue comprometido co obxectivo de rebaixar o remanente de tesourería, que na actualidade amosa un resultado negativo de – 2.745.829,49 de euros despois de reducilo dos -16.800.000 euros do 2011. Neste senso o edil amosouse prudente sobre a capacidade da facenda municipal de continuar reducindo o remanente de tesourería “cada vez custará máis pero non renunciamos a equilibrar o remanente de tesourería ou mesmo alcanzar cifras positivas” explicou, “con todo as cifras son contundentes, amosando unha mellora da situación orzamentaria do Concello respecto ao exercicio do 2012” rematou. Neste mesmo sentido expresouse a intervención municipal no seu informe: “O Concello debe continuar a adoptar medidas conformes co plan de axuste aprobado polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas no ano 2012 en vista ao seu cumprimento, que vai encamiñado á redución do remanente de tesourería para gastos xerais negativo”.











