Cangas comeza os procedementos de adxudicación das prazas vacantes da praza de abastos
Mañá comeza o prazo para presentar as ofertas para adxudicación dos sete postos vacantes na Praza de Abastos e para a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O goberno local inicia ambos procedementos coa correspondente publicación este martes dos anuncios de licitación no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
Por un lado o Concello de Cangas saca a concurso a adxudicación de tres postos de carnicería (nº6, nº 11 e nº22) e catro de peixería (nº23, nº45, nº46 e nº47)da Praza de Abastos. Os postos terán un prezo de licitación de 15.988,26, 14.534,78 e 15.988,26 euros respectivamente nos postos de carnicería e de 8.724,67 euros cada posto de peixería, sendo unha licitación mellorable á alza, co cal serán rexeitadas as ofertas inferiores a devanditas cantidades. Este canon no exime aos novos adxudicatarios de asumir ás correspondentes taxas pola utilización das instalacións do mercado que ascenden na actualidade a 71,23 euros ao mes no caso das carnicerías, chacinerías e ultramarinos e a 58,88 euros ao mes no caso das peixerías.
A duración da concesión dos postos será ata o ano 2035. Os solicitantes poderán achegar as súas ofertas ata o próximo 28 de febreiro.
Por outra banda o goberno local tamén comezou o proceso de licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Este servizo trata da mellora da autonomía persoal dos usuarios, na prevención da dependencia así como en tarefas asistenciais e de acompañamento. Nos pregos publicados establécese un prezo de saída de 11,25 euros por hora e unha duración do contrato de un ano coa posibilidade de dúas prorrogas anuais. Neste caso os interesados teñen de prazo ata o 26 de febreiro para presentar as súas ofertas. En ambos procedementos a documentación requirida deberá entregarse no Rexistro Xeral do Concello.











