Cangas acolle este sábado o Campionato Galego Promesas de Taekwondo
O Campionato Galego Promesas das categorías cadete, júnior, absoluta e veteranos reunirá o sábado 22 de febreiro no pavillón do Gatañal (Cangas) a 360 deportistas pertencentes a 36 clubs de toda Galicia.
Poderán participar neste campionato, organizado polo club Sares TKD de Cangas en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo, aqueles deportistas que non sexan medallistas nos campionato galegos e estatais. Tamén quedan excluídos aqueles taekwondistas que foron membros da selección galega nunha competición oficial e aqueles que lograran unha medalla no promesas do pasado ano, non poderán competir nesa mesma categoría. O torneo, no que se utilizarán petos electrónicos, desenvolverase en sesión matinal (10 a 14:00 horas) para a categoría cadete e veteranos, mentres que na vespertina (16 a 20:00 horas) participarán as categorías júnior e sénior.
O Gatañal leva, con este, cinco anos acollendo este torneo que reúne a xente nova con gañas de seguir medrando na súa carreira deportiva. Este torneo ten como obxectivo prioritario a promoción do deporte base, darlle continuidade a deportistas que aínda non se incorporaron á selección galega e promover o salto de categorías.











