Cangas acolle a presentación das “IV xornadas de orientación académica e profesional do Morrazo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+
Presentación das xornadas

Presentación das xornadas

O salón de plenos do Concello de Cangas acolleu esta tarde a presentación das “IV Xornadas de Orientación Académica e Profesional do Morrazo” que teñen como finalidade guiar e orientar aos estudantes á hora de decantarse por unha futura saída profesional.

O acto inaugural estivo presidido polo alcalde de Cangas José Enrique Sotelo, o alcalde de Moaña José Fervenza, o alcalde de Vilaboa José Luis Poceiro, o representante dos centros escolares Carlos Chapela e a representante dos orientadores. Antes de declarar inauguradas estas xornadas Sotelo quixo resaltar a importancia desta iniciativa para axudar a orientar á xuventude nas distintas saídas académicas e profesionais recollidas no catálogo europeo posto que se trata dun tema que preocupa tanto aos alumnos e alumnas coma aos seus familiares e profesores. Os alcaldes dos tres municipios resaltaron o éxito das pasadas edicións destas xornadas e declararon a súa intención de seguir colaborando con estas actividades tan importantes.

Os estudantes dos centros IES María Soliño, IES Monte Carrasco, IES Rodeira, IES As Barxas, IES Paralaia, IES Illa de Ons, IES Johan Carballeira e CPI O Toural recibirán asesoramento e orientación por parte de profesionais para buscar a saída profesional que máis se adapte a cada un.

A cuarta edición destas xornadas de orientación dividirase en dúas partes. A primeira delas, dirixida aos alumnos e alumnas de bacharelato, terá lugar os días 26 e 27 de febreiro no Auditorio Municipal de Cangas.

O primeiro día, os estudantes asistirán a unha presentación das tres universidades galegas (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo e Universidade de A Coruña) onde representantes das tres entidades lles falaran das diferentes titulacións, servizos estudantís e bolsas que oferta cada unha. A continuación, os alumnos e alumnas recibirán unha charla sobre as Probas de Acceso á Universidade. Tras un descanso celebraranse dúas mesas redondas simultáneas, unha delas sobre as ensinanzas especiais (artísticas, deportivas, música e idiomas) e outra sobre a formación profesional de grao superior na que se tratarán as formas de acceso, a súa estrutura e as saídas académicas.

O segundo día os asistentes poderán participar en diferentes mesas redondas referentes as diferentes ramas. Haberá una mesa sobre a rama de enxeñería na que se abordarán as titulacións de enxeñería informática, industrial e de tecnoloxía e comunicacións; outra mesa redonda sobre a rama de artes e humanidades na que se falará sobre as carreiras de tradución e interpretación, belas artes, linguas estranxeiras e linguas modernas. Tras un descanso retomarase a actividade coas mesas dirixidas ás ramas de ciencias socias e xurídicas, que se centrará nos estudos de actividades físicas e deportivas, publicidade e relacións públicas, comunicación audiovisual e educación infantil e primaria; e a mesa orientada a rama de ciencias da saúde que versará sobre os graos en fisioterapia, bioloxía, psicoloxía e farmacia.

Estas dúas xornadas de actividades complementaranse coa visita dos alumnos de segundo curso de bacharelato á Universidade de Vigo o vindeiro xoves día 6 de marzo.

A segunda parte desta cuarta edición das “Xornadas de Orientación Académica e Profesional do Morrazo” celebrarase os días 28, 29 e 30 de abril e está destinada aos estudantes de 4º curso da E.S.O e P.C.P.I.  Ao longo destes días os mozos e mozas visitarán diferentes centros escolares coma o CPI Toural, o IES de Rodeira, o IES Monte Carrasco, o IES María Soliño, O IES Johan Carballeira, o IES Illa de Ons, o IES As Barxas e o IES A Paralaia  para coñecer a súa oferta formativa.

25 de febreiro de 2014 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.