Cangas acolle a celebración do campionato galego de promesas de Taekwondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación do evento

Presentación do evento

Este mediodía tivo lugar a presentación do “Campionato Galego de Promesas de Taekwondo” que organiza o club Sares-TKD Cangas baixo a supervisión da Federación Galega de Taekwondo e coa colaboración da Fundación Cangas Deporte e o Concello de Cangas. O acto estivo presidido polo concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño, o vicepresidente da Federación Galega Francisco Tilve e o adestrador do club Sares-TKD Cangas Pablo Casares.

O campionato celebrarase o vindeiro sábado día 22 de febreiro no Pavillón Municipal do Gatañal. Trátase dun torneo de combate con petos de puntuación electrónica no que se estima participarán preto de 350 deportistas promesa, trinta deles de Cangas.  A competición dará comezo ás 10.00 horas cos combates das categorías cadete e júnior e ás 16.00 será a quenda das categoría sénior e veteráns.

Pablo Casares, un dos organizadores do torneo, quixo destacar a importancia deste campionato para algúns dos participantes xa que para moitos significa a primeira toma de contacto cunha competición ou combate. Tamén sinalou que soamente participarán aqueles deportistas que non teñan gañado campionatos importantes para garantir a igualdade entre os competidores, de aí que sexa promesa.

A Federación Galega será a encargada de proporcionar os petos electrónicos, os ordenadores, os tapices, pagar a arbitraxe e a man de obra dos técnicos de montaxe. O seu vicepresidente Francisco Tilve quixo destacar a importancia deste tipo de campionatos promesa porque “ a base deste deporte é o que nos nutre” e resaltou que en Cangas hai moi bos deportistas de Taekwondo.

Pola súa parte o concelleiro de Deportes destacou a importancia que un deporte coma o Taekwondo ten no noso municipio posto que case 200 nenos e nenas o practican nas escolas deportivas municipais “este tipo de torneos dá vida e color ao noso Concello” afirmou.

Todos aqueles que queiran observar este evento deportivo poderán facelo de forma gratuíta xa que a Federación Galega de Taekwondo non cobra entrada nos seus campionatos.

19 de febreiro de 2014 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.