Cambre presenta un programa de lecer para persoas con diversidade funcional con 400 prazas
A concellaría de Benestar Social do Concello de Cambre presentou o programa de lecer para persoas con diversidade funcional cuxo obxectivo fundamental é promover a participación comunitaria e a inclusión social a través do lecer. O programa consiste na realización de 16 actividades de lecer para persoas adultas con diversidade funcional para cubrir as necesidades de lecer deste colectivo. A través destas actividades de lecer preténdese fomentar a autonomía persnoal das participantes e mellorar o seu círculo de relacións sociais e de amizades. Así mesmo, trátase, segundo a edil de Benestar, María Jesús González Roel, de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional e de ofrecer oportunidades de lecer saudable así como promover o descanso das familias e persoas coidadoras.
A programación está destinada a persoas con diversidade funcional, empadroadas no Concello de Cambre, en posesión de certificado de minusvalía, con idades comprendidas entre os 18 e os 65 anos. En cada actividade haberá un mínimo de dúas prazas para persoas que precisen acompañante e un máximo de cinco. O número total de prazas é de 25 por actividade, coa excepción daquelas actividades, que mediante informe justificativo do técnico responsable poidan aumentar o número de participantes. Estímase un total de 400 prazas incluíndo o dezaseis actividades, é dicir, 25 prazas por cada actividade. O prazo de inscrición estará aberto até 15 días antes de realizar a última actividade do mes de decembro (sempre que haxa prazas libres).
Entre as actividades destacan os “Sábados de cine” (3 actividades anuais), nos que se trata de asistir a un espazo de proxección cinematográfica para o visionado dunha película que sexa de interese para o grupo de participantes. Doutra banda, as ”Saídas de lecer nocturno” (3 actividades anuais), nas que os participantes gozan de actividades recreativas (boleira,…), cear e/ou acudir a un pub ou discoteca a bailar. Outra das actividades, denominado ”Coñecemento da contorna” (5 actividades anuais) céntrase en saídas polo municipio de Cambre e pola contorna acompañados por persoas voluntarias para profundar no coñecemento da contorna: visitas a obras de teatro representadas no concello, visitas a actividades municipais, ruta guiada pola cidade da Coruña, saídas para ver os partidos do Deportivo da Coruña e do Liceo, saída para asistir ao programa Luar, entre outros. Tamén, haberá un programa de ”Talasoterapia” en Cásaa da auga da Coruña. e dunha excursión fin de semana, unha viaxe no día á Illa da Toxa e o Grove, que inclúe un billete en barco panorámico con comida incluída. Por último, programouse un Magosto, a Festa tradicional con merenda e castañas incluídas. As actividades levarán a cabo nos meses de febreiro e decembro, e dúas actividades durante os meses de marzo, abril, maio, xuño, setembro, outubro e novembro de 2014.











