Cambre aproba os novos modelos de comunicación de actividades económicas e obras menores
O Concello de Cambre aproba os modelos de comunicación previa de actividades económicas, empresariais, comerciais e profesionais, e de obras menores tras a entrada en vigor da Lei 9/2013, de 19 de decembro, do emprendimiento e da competitividade económica de Galicia. O concello de Cambre xa aprobara e establecido en 2012 a través dunha nova ordenanza a apertura de negocios mediante a comunicación previa, pero agora se ampla a máis actividades e ás obras menores adaptándose á lexislación recentemente aprobada.
Con este novo sistema para o exercicio dunha actividade será necesaria unicamente a presentación ante o concello dunha simple comunicación previa e documentación complementaria que lexitimará aos emprendedores para o seu inicio. “Agora nun mesmo día poderase presentar a documentación correspondente e no mesmo día, inaugurar o negocio”, apunta o alcalde de Cambre, Manuel Rivas.
Existen algunhas excepcións que si requirirán licenza municipal como no caso da instalación de terrazas ao aire libre, ou instalacións de escenarios ou estruturas móbiles propias de festas que se celebran habitualmente no municipio. Así mesmo, a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas en recintos cunha capacidade superior ás de 500 persoas ou que presenten un especial risco.
Doutra banda, desaparecen parte das licenzas urbanísticas, substituídas tamén pola comunicación previa, aínda que con diferente réxime ás anteriores. Como principal novidade, só requirirán licenza os actos de edificación e uso do chan e subsolo que precisen de proxecto de obras de edificación e prevese un réxime especial para aquelas obras vinculadas ao desenvolvemento dunha actividade. Ademais, tamén deberán tramitar a licenza oportuna todas aquelas obras que afecten a edificios declarados como bens de interese cultural, os muros de contención de terras, os grandes movementos de terreos, os parcelamentos ou segregacións, a primeira ocupación de vivendas, a localización de casas prefabricadas e o tallado de masas arbóreas en terreos incorporados a procesos de trasformación urbanística.
O goberno local ten intención de modificar a actual ordenanza reguladora de actividades e de apertura de establecementos para adaptala á nova lei, aínda que os veciños xa poden solicitar os modelos de comunicación previa no concello. Nos mencionados modelos faise unha relación da documentación a achegar en cada caso co obxectivo de que a área de Urbanismo Municipal poida levar a cabo o control que esixe a ordenanza municipal. Os técnicos municipais serán os encargados de comprobar, unha vez posta en marcha a actividade económica ou executada a obra menor, de que a actividade ou a obra cumpren cos criterios presentados no Concello na documentación que debe achegar cada comunicación previa.
Os modelos de documentación previa xa están a disposición dos veciños e interesados e pódense descargar na páxina web do concello, na área de Urbanismo.











