Cámara de Comercio, Fundación Catedral, Fundación Santiago Centro e Colexio de Arquitectos de Galicia apoian o proxecto gastronómico compostelán

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+

A Asociación Hostelería Compostela convocou esta mañá unha xuntanza na Cámara de Comercio de Santiago cos colectivos e institucións máis destacadas da cidade para dar a coñecer o Proxecto Gastronómico de Hostelería Compostela para a xestión da nave 5 do Mercado de Abastos. A reunión, na que participaron representantes da Fundación Catedral, Santiago Centro, Delegación de Santiago do Colegio de Arquitectos e da Cámara de Comercio, celebrouse na sala de xuntas da entidade cameral.

Trala reunión, todos os colectivos amosaron un apoio unánime ao proxecto. Valoraron o carácter innovador e ambicioso da proposta, a súa viabilidade e a capacidade dos profesionais do sector como pezas clave para o desenvolvemento dun proxecto, que é o mellor para a cidade, ademais dunha oportunidade histórica para converter a Santiago de Compostela en destino gastronómico nacional e internacional e dinamizar o turismo e o comercio, contribuíndo a desestacionalizar o sector grazas ao incremento do turismo gastronómico.

As entidades destacaron que se trata dun proxecto que busca xera un valor engadido e unha nova oferta complementaria na cidade e na comarca, fronte a un proxecto que só busca beneficiar a uns poucos hostaleiros que poderán montar bares de tapas nun espazo de titularidade pública. Así, quixeron lembrar que o de Hostelería Compostela é un proxecto innovador e atractivo. E tamén alertaron os representantes dos diferentes colectivos, que de non desenvolverse en Compostela outra cidade galega desenvolverá un proxecto deste tipo, perdendo Santiago esta oportunidade de posicionarse como un destino de referencia para o turismo gastronómico e desestacionalizar o sector.

E por todo isto, Francisco Domínguez, Administrador Xeral da Fundación Catedral, Jesús Asorey, Presidente da Cámara de Comercio, Delmiro Prieto, Presidente da Fundación Santiago Centro e Ana Domínguez, Presidenta del Colexio de Arquitectos de Galicia, da Delegación de Santiago, coincidiron en solicitar do Concello que reconsidere a súa decisión por considerala errónea e baseada máis en prexuízos que nunha análise rigorosa do proxecto gastronómico de Hostelería Compostela e na oportunidade que esta proposta abre para a desestacionalización turística da cidade e da súa área de influencia.

6 de febreiro de 2014 | 20:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.