Calvo anima aos responsables da hostalería a “manter o espírito do Fórum Gastronómico durante todo o ano”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación, Diego Calvo, e o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, mantiveron hoxe un encontro cos cociñeiros da comarca que participaron nesta edición do Fórum Gastronómico 2014, así como cos representantes da hostalería e dos hoteleiros. Durante o encontro, Calvo agradeceu a implicación do sector nesta feira e animou a todos os presentes no encontro a “manter o espírito do Fórum durante todo o ano”, buscando fórmulas para conseguir que “a cociña da nosa terra sexa coñecida no mundo enteiro”.

Para o presidente provincial, unha das grandes vantaxes do evento foi a de servir de escaparate para mostrar a toda España e ao resto do mundo a calidade da nosa hostalería. “É tan boa que merece ser recoñecida”, chegou a declarar Calvo, que volveu dirixirse ao sector para que confíen neles mesmos e nas súas habilidades para converter unha excelente materia prima nos “grandes pratos que preparades”. 

Éxito por riba das expectativas

Todos os presentes resaltaron o éxito desta edición, na que se superaron as previsións. Incrementouse a participación nun 40% con respecto a última ocasión en que o Fórum Gastronómico se celebrou en Galicia, no ano 2012 en Santiago de Compostela. 

As marcas de asistencia sorprenderon a todos, e así o admitiron tanto o rexedor coruñés como os profesionais presentes no encontro.

Diego Calvo, pola súa banda, mostrouse convencido do retorno económico que tanto  a curto como a longo prazo terá esta cita para a cidade e a comarca.

Por iso, a Deputación decidiu investir 225.000 euros neste evento, cos que se financiou o 80% da organización a través do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña. “Neste días A Coruña foi visible en toda España”, insistiu o presidente da institución provincial. 

Así, os hostaleiros e cociñeiros presentes agradeceron á Deputación a súa contribución para lograr que este evento se celebrase de novo na provincia e que se repita o ano que vén.

Próxima edición

“O Fórum veu a Galicia para quedarse”, así de tallante se mostraba Diego Calvo ante os medios porque os organizadores xa garantiron unha nova edición en Galicia para 2015.

De feito, tanto as administracións como o sector acordaron iniciar “canto antes” os contactos para a posta en marcha da edición do ano que vén que, en palabras de Diego Calvo, “é a semente dos moitos froitos que imos recoller durante o futuro”. “É un honor para a Deputación da Coruña ter colaborado con esta nova edición do Fórum Gastronómico”, concluíu Calvo.

27 de febreiro de 2014 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.