publicidade hoxe

Caldas de Reis defende que “co Camiño non se xoga”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de Reis
A-
A+

Na “Xornada Camiño Portugués a Santiago de Compostela” celebrada o pasado sábado dúas foron as principais ideas que se destacaron:

1º.- A importancia do Camiño Portugués como elemento vertebrador, unido indisociablemente á cultura, e desde as últimas décadas, ao turismo.

2º.- A necesidade de revalorizar e potenciar o Camiño Portugués.

En consecuencia con estas liñas considero que se debería ter en conta outro punto importante: a defensa do trazado orixinal do Camiño Portugués dotado de rigor histórico.

As primeiras peregrinacións a Compostela xorden no primeiro terzo do século IV, cando xente de todo o mundo peregrina para visitar os restos do apóstolo Santiago. O trazado actual do Camiño Portugués vaise fraguando ao longo da historia, apoiado, en orixe, en camiños preexistentes (prerromanos e romanos, fundamentalmente) e que se mantivo en uso durante máis de 1.200 anos, o que deslexitima calquera ruta posterior.

Nos últimos tempos xurdiron diversas iniciativas públicas, non sempre acertadas, que abarcan múltiples propostas de actuación, algunhas entre o folclore e o pintoresco, que amparándose baixo o paraguas do Camiño Portugués nada teñen que ver con el.

Iniciativas como a “Variante Espiritual do Salnés”, ou o “Camiño de Pontevedra a O Salnés”, constitúen experiencias que poderían ter un encadre perfecto noutros lugares, como rutas de sendeirismo, etc, pero a súa inclusión como variantes do Camiño Portugués supoñen a desvirtuación deste.

Por outro lado, non podemos investir diñeiro na sinalización de pseudo-camiños cando no propio Camiño Portugués os peregrinos teñen que sinalizalo con pintura fluorescente por falta de indicacións, nin destinar esforzos a habilitar espazos para pasar a noite cando no camiño portugués non hai albergues suficientes.

Todas estas actuacións, poden ocasionar, lonxe da buscada mellora de ofertas, un salpicado de actuacións que canto menos desconcertan ao camiñante, á vez que se desperdician os recursos económicos das diferentes Administracións, en detrimento do itinerario cultural que se pretende protexer e reactivar.

Temos que centrarnos en coidar o camiño que hai, non en crear outras rutas, xa que isto sería romper a historia. É preciso ademais evitar a dispersión das actuacións illadas en distintos tramos que acaban por facer confuso o percorrido do Camiño.

A continua e crecente atracción do Camiño Portugués está xerando variacións no comportamento social e económico dos municipios e dos núcleos que atravesa, e con todo, a súa base espacial, urbanística e económica non parece preparada para asumir de forma equilibrada as tensións emerxentes asociadas ao Ben de Interese Cultural.

Por todo isto sería necesario:

– Definir con rigor histórico o Camiño Portugués, do mesmo xeito que se fixo co Camiño do Norte.

– Contribuír ao desenvolvemento sostible do ámbito delimitado a través de estratexias xerais e particulares.

– Propiciar o desenvolvemento, revitalización e posta en valor dos municipios por onde discorre o Camiño Portugués

O Camiño Portugués constitúese como un dos elementos máis significativos de Galicia e debe quedar á marxe de intereses políticos, traballando en conxunto para a súa protección e potenciación.

18 de febreiro de 2014 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.