Cacheiras e Santa María de Teo celebrarán o Entroido este fin de semana se a choiva o permite
As parroquias de Cacheiras e Santa María de Teo collen o relevo de Reis na celebración do entroido en Teo xa que teñen previsto celebralo este fin de semana. Mentras que en Teo a comparsa e os xenerais sairán o sábado, na parroquia de Cacheiras moito máis extensa a comitiva do entroido sairá o sábado e o domingo. De todas maneiras a previsión meteorolóxica é mala, polo que haberá que estar atentos a se finalmente se pode celebrar.
As vestimentas utilizadas polos coros e polos correos e xenerais, así como as monturas, mantas ou espellos cos que se engalanan os cabalos son delicados e no caso de que chova non se poderían utilizar.
En Cacheiras os participantes están convocados ó redor das dez da mañá. Está previsto que o sábado 1 de marzo comecen no Sisto para ir por Pedrouso, Vilar, Guldrís, Lamas, Montes, Solláns, As Laxes, Requián, a zona do instituto, a zona Igrexa, Sebe, a Pedra, Catro Camiños, As Pozas e Cacheiras. O domingo 2 os coros e os xenerais volverán coller a estrada pola AC-841 dende Cacheiras cara Montouto, a Póvoa, Cobas, a Barcia, Penelas, Tras do Eixo, as Noenlles, Procelas, a Torre, a Devesa, o Raxó, Feros e Cacheiras. As dúas xornadas rematarán co entroido no campo da festa. . As coordenadas para o GPS do campo da festa son: 42º 49´17.8″/8º 32´38.2″.
Cacheiras é unha parroquia cunha gran tradición e celebra o carnaval con gran participación tanto de público como de persoas no coro e a cabalo. A comitiva estará formada por 12 persoas entre correos e xenerais e dous coros de vellos e bonitos que amenizarán as xornadas coas cancións, bailes e tamén coa cor das súas vestimenta.s
En Santa María de Teo mañá sábado sairán do campo da festa cara Fontenlo e pasarán por Noceda, Vilachaíño, Agromaior, Maios, Fontelo, Vilar e Campos. Rematarán co atranque sobre as 20:00 horas no campo da festa. Unha das particularidades do entroido desta parroquia é o sermón do “pai mala-lingua”, de corte satírico e que se recita no momento dos atranques. As coordenadas do campo da festa de Teo son: 42º 45´ 52.5”/ 8º 31´ 14.3”











