Buenaventura Aparicia inicia o ciclo sobre historia e memoria das parroquias de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Concellaría de Patrimonio Histórico promove o ciclo “Historia e memoria das parroquias de Pontevedra”, que dá comezo o vindeiro martes, 11 de febreiro, cunha conferencia do profesor e investigador Buenaventura Aparicio sobre “Mitos e lendas de San Cibrán de Tomeza”. O acto será ás 20.30 horas no local social de Lusquiños- Tomeza (antigo preescolar).

Buenaventura Aparicio, profesor de historia e doutor en antropoloxía cultural, coordina actualmente o Grupo de Investigación Arqueolóxica e Etnográfica “A Laxe da Irena” e ten participado en numerosos congresos nacionais e internacionais de Arqueoloxía e Antropoloxía Cultural. A súa actividade investigadora céntrase na tradición oral, na relixiosidade popular e nos aspectos simbólicos da arte rupestre.

Buenaventura Aparicio defenderá nesta conferencia a tese de que “a visión dunha Galicia máxica, misteriosa, única, etc., a parte de servir de coartada para chamar a atención e vender máis libros, non ten ningunha base antropolóxica”. Segundo o antropólogo, os labregos e mariñeiros galegos nunca foron uns tipos “rariños”, senón moi europeos, no sentido de que a súa cosmovisión –é dicir, o conxunto de crenzas, ritos e tradicións- é compartida por numerosos pobos da vella Europa. Galicia endexamais estivo aillada.

Segundo Aparicio, “Tomeza é unha parroquia que, como as demais, aspirou a mostrar unha identidade, baseada en gran parte en ter un santo de seu, moi taumatúrxico, orixe dunha ritualidade e dun rico imaxinario popular”. Neste mesmo terreo da normalidade debemos situar aos famosos “pastequeiros”, no sentido de que o curandeirismo é un fenómeno universal que, arestora, sigue vixente, incluso, nas nacións máis avanzadas”. En Tomeza o que se constata son unhas peculiaridades ou adaptacións dun fenómeno que forma parte da cultura popular e que, polo tanto, debe ser correctamente estudiado e interpretado. Para o antropólo pontevedrés, “é unha magoa que a historia do curandeirismo en Galicia siga a ser unha asignatura pendente”.

O ciclo Historia e memoria das parroquias forma parte do Plan do patrimonio rural e ten como obxectivo dar a coñecer á veciñanza das parroquias, e en xeral a todas as persoas interesadas, a riquera do patrimonio material e inmaterial do concello de Pontevedra.

O ciclo continuará o venres 21 de febreiro con outra conferencia de Buenaventura Aparicio sobre “Patrimonio e imaxinario popular de San Martiño de Salcedo”, que neste caso será no local social de Cabanas-Salcedo (antigo preescolar) ás 20.00 h. Ao longo dos seguintes meses iranse desenvolvendo actividades similares nas parroquias de Pontevedra.

8 de febreiro de 2014 | 14:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.