Brión aprobará uns orzamentos que ascenden a 4,8 millóns de euros e incrementan os investimentos reais nun 20,8%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión aprobará mañá mércores os seus Orzamentos Municipais para 2014, que ascenden a 4,8 millóns de euros e que incrementan nun 20,8% a partida destinada a investimentos reais. Uns orzamentos que serán aprobados durante a sesión plenaria que terá lugar mañá mércores 26 de febreiro, ás 13:00 horas (a sesión ordinaria correspondente ao mes de febreiro pero que se acordou atrasar unha semana para poder incluír o debate de orzamentos e evitar así o gasto de convocar un pleno extraordinario).

Os orzamentos municipais de Brión para 2014 ascenden a 4.837.790 euros, o que supón un incremento dun 8% con respecto ao exercicio anterior. Unhas contas onde destaca o aumento da partida destinada a investimentos reais, que medra nun 20,87% con respecto ao 2013. Unha partida na que máis do 65% dos investimentos está dirixido a arranxos e melloras nas pistas municipais das parroquias de Brión e a melloras na rede de saneamento e abastecemento de augas.

Investimentos

Así, contémplanse máis de 56.000 euros para o mantemento de estradas en Brión de Arriba a Riazoas, Gronzo e Brión de Abaixo (Brión), Casaldoeiro (Bastavales), Moldes (Luaña) e Pousada (Viceso). Tamén se contemplan outros 39.000 euros para melloras e mantemento de camiños de titularidade municipal, que serán acometidos polas brigadas municipais de obras ao longo de todas as parroquias do municipio. Así mesmo, os orzamentos de 2014 tamén contemplan outros 48.000 euros para o mantemento de beirarrúas nas parroquias de Brión e Os Ánxeles.

Os orzamentos municipais para 2014 tamén inclúen máis de 30.000 euros para actuacións de saneamento e abastecemento de auga, entre as que se inclúen as acometidas eléctricas para os bombeos de Reboredo, Nináns e O Cabo; así como a ampliación da rede xeral e o saneamento de Quintáns (Brión). Ademais, destínanse máis de 22.000 euros para a reparación interior do pavillón polideportivo de Pedrouzos e outros 6.800 euros para melloras no interior do centro social polivalente. Canda estes grandes proxectos, os orzamentos municipais recollen outra trintena de actuacións de menor cantidade pero que redundarán na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Brión, como a reposición de novas luminarias públicas, a colocación de novas portas na escola unitaria dos Ánxeles ou a mellora da accesibilidade aos aseos da gardería infantil.

GES

Os orzamentos de 2013 non só manteñen as partidas destinadas a gasto social, senón que mesmo inclúen novidades con respecto a anos anteriores como o incremento da partida de Axudas de Emerxencia para poder sufragar o pago de medicamentos a pacientes crónicos que conten cun informe favorable dos Servizos Sociais, que serán os que determinen se esa persoa pode ou non facer fronte a eses gastos.

Finalmente, os orzamentos municipais de Brión tamén recollen un importante incremento do 10,5% na súa partida de persoal con respecto ao 2013 e que se debe a que en 2013 procedeuse á contratación do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), que está integrado por 12 membros. Así mesmo, inclúen un incremento do 9,88% na partida de gasto corrente, debido tanto polo incremento dos prezos da electricidade e á posta en funcionamento de novos bombeos de saneamento.

Orde do día

A sesión plenaria comezará ás 13:00 horas do mércores 26 de febreiro e rexerase de acordo coa seguinte Orde do Día:

1º) Ratificación da resolución da Alcaldía de cambio do día de celebración da sesión plenaria.

2º) Aprobación da acta da sesión do 18.12.2013.

3º) Relación de decretos ditados desde a última sesión ordinaria, do 13.12.2013  ao 21.02.2014.

4º) Dación de conta da liquidación do orzamento de 2013 e do informe de avaliación da estabilidade e da regra do gasto.

5º) Aprobación da proposta da Alcaldía sobre recoñecemento extraxudicial de créditos.

6º) Aprobación da proposta da Alcaldía sobre orzamento de 2014 e cadro de persoal.

7º) Dación de conta dos informes trimestrais sobre cumprimento dos prazos previstos na lei 15/2010, de loita contra a morosidade, do 4º trimestre de 2013.

8º) Dación de conta do informe de avaliación de estabilidade e da regra do gasto correspondente ao cuarto trimestre de 2013.

9º) Aprobación da proposta da Alcaldía sobre creación e delegación da xestión e administración da sede electrónica do concello.

10º) Aprobación da proposta da Alcaldía sobre aprobación da ordenanza reguladora da administración electrónica municipal.

11º) Aprobación da proposta da Alcaldía sobre derrogación do regulamento dos procedementos de intervención administrativa nas actividades e servizos suxeitos a comunicación previa, declaración responsable e licenza de apertura.

12º) Aprobación da proposta da Alcaldía de aprobación de nova ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar e os seus prezos públicos.

13º) Aprobación da proposta da Alcaldía sobre rectificación do inventario de bens do concello a 31.12.2013.

14º) Mocións.

15º) Rogos e preguntas.

25 de febreiro de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.