Brión acolle a mostra de Manuel Nietto, “As vivencias do Camiño, Caminalia”

Inauguración da mostra de Nietto
A sala municipal de exposicións do Concello de Brión acollerá ata o vindeiro 19 de febreiro a mostra “As vivencias do Camiño: Caminalia”, do artista compostelán Manuel Nietto. Unha exposición que foi inaugurada na noite de onte venres polo alcalde de Brión, Xosé Luís García, e polo propio Manuel Nietto, que estivo acompañado por case un cento de persoas, entre veciños e veciñas de Brión e artistas pertencentes á Asociación Galega de Arte y Cultura.
Xosé Luís García agradeceu a presenza de tantos afecionados ao mundo da arte, especialmente nunha noite tan desapacible, e convidounos a seguir o exemplo de Manuel Nietto e expoñer as súas obras na sala de exposicións brionesa. Pola súa banda, Nietto convidou aos veciños e veciñas de Brión a visitar “unha exposición de sensacións e sentimentos. Caminalia non é unha representación figurativa do Camiño, senón que é unha desculpa para ir máis alo”.
Así mesmo, convidou aos que visiten esta mostra a que “busquen os signos presentes en cada caro, pois iso é o importante. Sempre quixen facer algo que tivese como fondo o Camiño e, sobre todo, a eses milleiros de persoas que o fan, abordando todo ese mundo de sensacións, de penas, de alegrías, de fe, de esperanza, de aventura, de admiración… Cando un ve estes cadros pode quedarse coa imaxe da catedral de Santiago, pero para min a importancia está nos distintos rostros que representan aos milleiros de persoas que cada ano a visitan”.











