Benestar destina 150.000 euros para o mantemento de 25 prazas no fogar infantil Emilio Romay
A Consellería de Traballo e Benestar blindou en 2014 as partidas destinadas a familia e infancia, cun total de 61 millóns de euros. Entre estas partidas, volve destinar máis de 150.000 euros para o mantemento de 25 prazas para nenos e nenas de ata 6 anos no fogar infantil Emilio Romay da Coruña.
En toda Galicia cóntase con tres centros (A Coruña, Lugo e Ourense) con 52 prazas públicas predefinidas para menores de seis anos, que forman parte dun total de 76 centros para menores que acadan as preto de 1.200 prazas públicas.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe este centro que atende a menores en situación de desamparo, acompañada do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo. Na súa intervención explicou que a existencia deste tipo de centros é fundamental para garantir unha atención profesional da máxima calidade para nenos que teñan que estar separados das súas familias temporalmente.
A titular de Benestar indicou que a Xunta ten o convencemento de que todos os nenos e nenas deben crecer no seo dunha familia, tal e como recolle a Lei de apoio á familia e á convivencia en Galicia, un texto que trata de evitar, sempre que sexa posible, a separación dos menores da súa familia.
Para iso estanse a desenvolver accións como o programa de acollemento familiar, en colaboración con Cruz Vermella, que ofrece un servizo de atención temporal a menores en situación de desamparo e permítelles vivir nunha familia evitando o seu internamento nun centro.
En 2014 volveuse brindar a partida destinada a este convenio, que contará de novo con 300.000 euros. O pasado ano esta iniciativa tivo 227 menores como beneficiarios. Mato lembrou que grazas a este tipo de iniciativas, a porcentaxe de acollemento residencial en 2013 foi de menos do 40% fronte a máis do 60% de menores en acollemento familiar. No caso dos menores de seis anos, a porcentaxe de acollemento en familias medra ata o 75%.
Simultaneamente estase a desenvolver o programa de integración familiar en colaboración coa Fundación Meniños. Tamén neste caso blíndase o orzamento previsto para 2014 cun total de 380.000 euros.
O mesmo conta con dúas áreas principais: a reunificación e a preservación familiar. A primeira para mellorar a situación sociofamiliar e persoal dos menores que tiveron que ser separados das súas familias e residen en centro de acollida; e, a segunda, para potenciar os recursos das familias e promover os cambios necesarios para previr e evitar que se produza a separación do menor do seu entorno familiar.











