Bases para o XXII concurso literario Xaime Illa Couto de Poio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoio
A-
A+

O Consello Municipal de Cultura ven de aprobar as bases que rexerán o concurso literario Xaime Illa Couto, que este ano acada a súa XXII edición. As categorías, modalidades e premios serán as mesmas que nas anteriores edicións, toda vez que na do ano pasado se ampliara a categoría F para abrir o concurso á participación de persoas de todas as idades, coa intención de dar un novo pulo na potenciación da produción literaria na nosa lingua, o principal obxectivo polo que este premio naceu xa fai máis de dúas décadas, impulsado e auspiciado por D. Xaime Illa Couto, presidente de honra do xurado e de quen recibe o nome.

A data límite de presentación finaliza o 8 de abril, e o xurado -formado polos representantes das asociacións culturalis que integran o Consello Municipal de Cultura- reunirase o martes 6 de maio para fallar os premios. Ao igual que se ven facendo nas últimas edicións, o xurado contará co asesoramento de escritores do noso municipio para valorar os traballos presentados á categoría de 18 anos en diante, que conta con dous premios de 300 € para cada unha das modalidades, relato e poesía.

O acto de entrega de premios terá lugar o 17 de maio, Día das Letras Galegas, no Centro Cultural Xaime Illa Couto, no transcurso dos actos organizados pola Sociedade Cultural e Deportiva Raxó para festexar o privilexio e a riqueza de termos unha lingua de noso.

14 de febreiro de 2014 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.