‘Baile de Máscaras’ na Residencia de Anciáns de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O Entroido para os máis novos comezou en Verín o 17 de xaneiro, o das persoas de máis idade farao o sábado día 22. A Residencia de Anciáns Santa María, coa colaboración do Conservatorio de Verín, da Comisión do Entroido e do Concello de Verín, acollerá a partir das 16 horas un baile de máscaras o Sábado de Corredoiro.

É a primeira vez que nesta residencia se organiza un acto en colaboración coa organización dos Festexos do Entroido, no que a animación musical correrá a cargo da Banda do Conservatorio de Verín, que interpretará un repertorio composto por medio centenar de temas bailables variados que bandas populares e orquestras de verbena popularizaron na segunda metade do pasado século. O obxectivo co se promove é que as persoas que participaron activamente dos carnavais nos seus anos de mocidade e vida adulta e agora están separados das súas familias e dos espazos de relación máis significativos nas súas biografías, manteñan viva a calor destes festexos populares e se sigan integrando neles, máis alá das súas limitacións persoais.

A Residencia de Anciáns Santa María acolle a 170 persoas maiores de 60 anos, entre válidos e asistidos, das que unha parte carece de recursos económicos. Está xestionada polas Hermanitas de los Ancianos Desamparados. A congregación relixiosa cupriu 141 anos o pasado 27 de xaneiro. En Verín prestan servizos desde o ano 1919, cando abriron o Asilo da avenida Luis Espada. O ano 1972 trasladáronse á estrada de Laza, para a residencia que a orde construíu entre Verín e O Salgueiro e na que desenvolven actualmente as súas actividades.

Baixo a consigna “Coidar os corpos para salvar as almas”, a misión desta orde é acoller aos anciáns máis pobres e ás persoas necesitadas de agarimo nun ambiente familiar que lle facilite as necesidades materiais, de afecto e de espiritualidade. As Hermanitas de los Ancianos Desamparados viven en comunidades de vida fraterna, expresando a súa consagración mediante os consellos evanxélicos de pobreza, castidade e obediencia. Na actualidade, as Hermanitas de los Ancianos Desamparados teñen 204 fogares esparexidos en 19 países de Europa, América, África e Asia. As últimas fundacións fixéronas nas Filipinas, Mozambique, Guatemala, México e Paraguai.

20 de febreiro de 2014 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.