Axentes de Vixilancia Aduaneira realizan un envorcado informático no Concello de Lugo
Axentes de Vixilancia Aduaneira acudiron este luns a dependencias municipais do Concello de Lugo a realizar un envorcado informático pendente no marco da ‘Operación Pokémon’.
Sobre as 11,15 horas catro axentes de Vixilancia Aduaneira accederon ás oficinas municipais situadas no antigo seminario de Lugo para realizar o envorcado.
Esta operación informática estaba pendente no marco da investigación que leva a cabo o Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo con motivo da ‘Operación Pokémon’ e prodúcese unha semana despois de que a xuíza instrutora levantase o segredo de sumario na maior parte da causa.
Entre o centenar de imputados atópase o rexedor de Lugo, José López Orozco, e o que fora concelleiro no mesmo Consistorio Francisco Fernández Liñares, así como os exalcaldes de Ourense Francisco Rodríguez e de Boqueixón Adolfo Gacio, ademais do tenente de alcalde da Coruña, Julio Flores.











