publicidade hoxe

Avanza na súa tramitación o plan parcial do sector de solo industrial do PXOM de Rodeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRodeiro
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería de Medio Ambiente polo que se dá a coñecer a decisión de non someter ao procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica o Plan parcial do sector S.UR.D I-1 do Plan xeral de ordenación municipal de Rodeiro.

Con este plan parcial preténdese desenvolver e ordenar detalladamente o ámbito para un uso industrial conforme as determinacións marcadas no PXOM do municipio da provincia de Pontevedra, aprobado no ano 2009, e na lexislación vixente.

Trátase dun sector de solo urbanizable delimitado industrial cunha superficie de máis de 17 hectáreas (170.713 metros cadrados), que se localiza no lugar da Devesa da parroquia de Rodeiro, á beira norte da estrada xeral Lalín- Rodeiro (PO-533), aproximadamente a 1 km cara o oeste do núcleo urbano.

Características do plan

Este ámbito de actuación é un dos dous solos urbanizables industriais existentes no municipio, que na actualidade está xa transformado e ocupado de forma parcial por naves industriais illadas, en claro contraste coa contorna.

Coa proposta do plan parcial preténdese urbanizar o sector para dotar as parcelas e industrias existentes de accesos e servizos axeitados para o seu uso previsto, como poden ser: viarios interiores, redes de saneamento e abastecemento de auga, electricidade, gas e telecomunicacións, entre outros.

Ademais situaranse zonas verdes públicas a modo de franxa lateral de separación entre a zona industrial e o río Arnego, e se reservará unha parcela de mais de 2.500 metros cadrados para instalar unha estación depuradora de augas residuais (EDAR), e solo para instalar un punto limpo no que se realice a recollida selectiva de residuos.

Efectos ambientais

Tendo en conta as características deste plan parcial e as da área afectada, non se espera que se produzan efectos ambientais significativos, polo que a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decide non sometelo ao procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica.

Non obstante, en materia de paisaxe cómpre salientar que o ámbito de actuación está inserido na unidade paisaxística Val Rodeiro- Camba do Catálogo paisaxístico da Comarca do Deza. Para esta unidade paisaxística o Catálogo sinala entre os obxectivos desenvolver espazos industriais de calidade, sostibles e integrados na unidade paisaxística; protexer e por en valor as canles fluviais, e asegurar a conectividade ecolóxica e visual ao longo do val fluvial coas novas actuacións. Polo tanto, para cumprir cos obxectivos establécense un conxunto de accións e estratexias que que deberá adoptar este plan parcial co fin de evitar efectos paisaxísticos significativos.

3 de febreiro de 2014 | 12:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.