Autorizan as obras para a mellora da estación ornitolóxica do Esteiro do Miño e crear unha senda peonil
A Consellería de Medio Ambiente vén de autorizar as obras para a mellora da estación ornitolóxica do Esteiro do Miño, e a súa contorna, no Concello da Guarda. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo vén de trasladar esta decisión ao concello pontevedrés despois de analizar a documentación remitida pola Administración local, na que solicita a autorización consiste na limpeza e mantemento dunha senda peonil así como a mellora da estación ornitolóxica do Esteiro do Miño.
As actuacións para creación e posta en marcha da Ruta Ornitolóxica da Guarda consistirán en axeitar a estación, substituír os paneis por novos taboleiros e sinais indicativas, reparar as varandas existentes na beira do Miño, así como o firme entre as praias do Codesal e A Armona. Tamén será necesario limpar e mellorar os accesos aos observatorios de aves, acondicionar o camiño de acceso ao Muíño de Auga, e continuar a pasarela de madeira para protexer as dunas entre as praias do Muíño e A Lamiña. A última das actuacións será a identificación e difusión dos recursos.
Tal e como se recolle na memoria presentada polo Concello da Guarda, as obras consistirán na limpeza de pedra, no repintado de paramentos exteriores e do logo e da rotulación do mesmo con pintura especial, na recuperación de reixa de ferro existente, incluso lixado e pintado, na colocación de varanda perimetral da estación en madeira de pino alto, e na fixación das losetas soltas e substitución das deterioradas.
Dado que as obras se executan dentro da zona de servidume de protección, requírese autorización por parte da Secretaría Xeral de Urbanismo, que accede á execución das mesmas advertindo na resolución que se deberán iniciar nun prazo máximo de dous meses, debendo quedar finalizadas nun prazo de catro. Tamén se sinala que o Concello deberá contar coas autorizacións e informes perceptivos.











