As vítimas do accidente ferroviario atópanse “satisfeitas” co auto do xuíz porque “se reconduce o proceso”
As vítimas do accidente do Alvia o pasado 24 de xullo en Angrois, no que morreron 79 persoas e máis dun centenar resultaron feridas, mostráronse satisfeitas co auto do xuíz, que consideran que “reconduce o proceso” na dirección, que demandan, de novas imputacións a parte da do maquinista.
Así, o voceiro da Asociación de Prexudicados polo Accidente Ferroviario do Alvia, Cristóbal González, opina que o auto de Luis Aláez, no que acusa a Adif de aumentar o risco de “miles de persoas” cambiando o ERTMS por “motivos comerciais”, “era de esperar”.
“Persoalmente, non me cabe a menor dúbida de que o factor humano non é o único responsable neste accidente. Considero mesmo máis grave deixar en man dunha persoa a seguridade de tantos. Os dispositivos que non estaban implantados é unha neglixencia moi grave”, destaca González, quen subliña que o sinistro “se podía evitar e non obstante xurdiu pola neglixencia dos que tiveran que garantir a seguridade” da vía.
Pola súa banda, a Plataforma Vítimas Alvia 01455 valora este último auto e tamén espera que a instrución prosiga coa imputación doutras persoas ás que considera “responsables” do descarrilamento en A Grandeira, posto que, igualmente, ve que “hai neglixencias claras”.
O auto do maxistrado é, a xuízo de Laura del Moral, “a confirmación” do que eles pensan, xa que “aquí hai máis responsabilidades a parte da do maquinista”. “Adif puxo por diante da seguridade das persoas outros intereses”, critica.
DECLARACIÓNS
“Esperamos que coa declaración destas testemuñas –Aláez chamou a tres traballadores de Renfe– o xuíz consiga ter toda a documentación para que impute aos que poidan ser responsables”, sinala esta integrante da plataforma, que advirte de que, na súa opinión, “ese risco era previsible” e, ademais, “se alertou” del en polo menos dous informes.
Ademais, admite que “penalmente” decidirá o xuíz as responsabilidades pero reitera a petición desta plataforma de constituír unha comisión de investigación para depurar as posibles responsabilidades políticas, xa que os directivos de Renfe e Adif, recorda, son “cargos políticos”.











