publicidade hoxe

As vantaxes do Plan de transporte metropolitano comezan a aplicarse a partir do vindeiro martes no Concello de Miño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaMiño
A-
A+

O Concello de Miño contará dende o vindeiro martes coas vantaxes do Transporte Metropolitano de Galicia (TMG), sendo o primeiro municipio galego en estar integrado en dúas áreas á vez, na da Coruña e na de Ferrol. As tarxetas para os usuarios do transporte metropolitano poden adquirirse nas oficinas de Novagalicia Banco indicadas na páxina web do transporte metropolitano (www.transportemetropolitano.xunta.es), entre as que se atopa a oficina de Miño.

A modo de exemplo, para unha viaxe entre A Coruña e Miño reducirase en máis dun euro (redución que é maior no caso de empregar ademais do metropolitano o transporte urbano), xa que se na actualidade os usuarios pagan 3,50 euros (4,80 no caso de empregar o urbano tamén), agora abonarán 2,21 euros. Asemade, entre Miño e Ferrol o custo para o cidadán pasa dos 3,85 euros de agora aos 1,81 que custará coa tarxeta metropolitana, é dicir, para un traballador que se desprace os cinco días da semana á cidade industrial o aforro será de máis de mil euros ao ano.

É a primeira vez que, dende a implantación do Plan na Comunidade Autónoma, se produce a integración dun concello en dúas Áreas de Transporte Metropolitano, co que se atende unha reiterada petición, que facilitará e intensificará a mobilidade no transporte público entre os veciños destas zonas xeográficas.

Trátase dun programa de mobilidade con éxito é que desde a súa posta en marcha, hai tres anos, o Plan de Transporte Metropolitano contribuíu non só a manter, senón a aumentar a mobilidade no transporte público; xa que os datos de 2013 contabilizan uns 12 millóns de desprazamentos, un 7,6% máis que o ano anterior.

Coa integración de Miño na Área de Transporte Metropolitana (ATM) da Coruña esta área pasará a ter 14 concellos e beneficiará a 440.000 persoas; mentres que no caso da área de Ferrol estará integrada por 11 concellos e beneficiará a 173.000 persoas.

Plan de Transporte Metropolitano

O Novo plan de transporte metropolitano de Galicia comezou a súa andadura no ano 2011 e, actualmente, está implantando nas Áreas de Transporte Metropolitano da Coruña, de Santiago de Compostela, de Ferrol e de Lugo.

Trátase dun plan ambicioso tras o que se está a fomentar o uso do transporte público mediante, medidas como o abaratamento e simplificación das tarifas. É un Plan flexible, no sentido de que está destinado a crecer coa implantación de novas áreas e coa integración de novos concellos nas áreas xa creadas.

Xustamente hai pouco máis dun ano, en xaneiro de 2013, se integraron, respectivamente, os concellos de Oza-Cesuras, Laracha e Cerceda na Área de Transporte Metropolitano da Coruña e os concellos de Negreira e Rois na Área de Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela.

15 de febreiro de 2014 | 14:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.