As termas de Outariz volven estar en servizo
As termas públicas e gratuítas de Outariz volven estar en servizo dende hoxe, venres, día 28 de febreiro, unha vez rematados os traballos de limpeza e posta a punto realizados polo Concello de Ourense nesta área termal, que durante as últimas semanas estivo fóra de uso por atoparse anegada.
A zona de baño xa se atopa en condicións de uso por parte das persoas que o desexen, e o Concello de Ourense acometerá nos próximos días os traballos de arranxo dos camiños do contorno desta área termal, que se viron afectados tamén polo río.
O Concello traballa tamén na posta a punto das termas de Burga de Canedo, co obxectivo de que podan volver estar en servizo ao longo desta ponte festiva. Tamén se atopan fóra de servizo, ao estar parcialmente anegadas as outras dúas zonas termais da marxe dereita do río Miño: Termas do Muíño e as gratuítas da Chavasqueira.
Ademais das termas gratuítas de Outariz, os bañistas poden facer uso estes días do complexo termal das Burgas, tamén gratuíto, e as estacións termais, de pago, da Chavasqueira e Outariz.











