As tarefas de prevención realizadas polo SEIS da Coruña incrementáronse nun 130%
O tenente de alcalde de Seguridade Cidadá, Julio Flores, presentou esta mañá a Memoria anual do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) correspondente a 2013, no que se duplicaron as actividades preventivas e incrementáronse as intervencións nun 13%: “Quero agradecer publicamente o labor do SEIS polo gran traballo que desenvolve cada día, tanto nos labores de prevención como en todas as intervencións que realiza”, asegurou.
Flores destacou o incremento que se levou a cabo en materia de prevención: “Efectuaron máis de 300 actividades e dedicado 4.017 horas a labores de prevención, o que supón un incremento do 130% respecto de 2012”, subliñou e explicou que se reforzou a prevención en todos os ámbitos, tanto a docencia (212 horas); como os reténs preventivos de eventos deportivos, culturais, sociais e de seguridade (1.783 horas); simulacros (478 horas); e visitas escolares (377 horas). Ademais, en 2013 sumáronse novas tarefas coa elaboración de informes técnicos sobre medidas de contra-incendios en edificios públicos e privados abertos ao público (967 horas) e de plans de autoprotección de edificios municipais (200 horas): “O Parque de Bombeiros recibiu un total de 137 visitas de 304 profesores e 3.312 alumnos”, asegurou e engadiu: “Quero agradecer especialmente o esforzo realizado coas charlas impartidas en centros escolares, apoiadas nun vídeo con consellos preventivos, para que os mozos puidesen minimizar os riscos na noite de San Juan”
Neste sentido, destacou o gran traballo realizado pola Unidade de Rescates en Litoral, en coordinación cos servizos de emerxencia e rescate doutras administracións, que comezou a súa actividade para dar unha resposta rápida ás incidencias na franxa litoral urbana. “Un dos servizos máis destacado foi o levado a cabo na noite de San Juan, unha das máis complicadas dos últimos anos pola coincidencia da pleamar cunha forte ondada, aínda que tamén sobresae a súa presenza nos operativos especiais por alertas meteorolóxicas” indicou.
En materia de prevención, Flores tamén se referiu á Semana da Prevención, un evento xa consolidado que, en 2013, alcanzou a súa oitava edición e que atendeu a un total de 2.564 persoas, das que 468 foron escolares: “Todo esforzo dedicado á prevención é importante, porque é o único camiño para tratar de reducir o número de incidencias”, afirmou.
O tenente de alcalde informou de que en 2013, por primeira vez desde 2006, aumentou o número de intervencións: “Realizaron 1.485 intervencións, o que supón un 13% máis”, sinalou e continuou: “Este incremento débese a que aumentaron os dispositivos especiais de seguridade e emerxencia ante fenómenos meteorolóxicos adversos. De feito, as actuacións por choiva aumentaron un 377% ou os achiques por rotura un 75%, mentres que os incendios ordinarios diminuíron nun 42% e os incendios industriais nun 20%. Ademais, as falsas alarmas descenderon nun 34%, o que demostra a eficacia dos labores de prevención. Por último, a franxa horaria de maior actividade é de 16.00 a 17.00 horas e o día da semana cun maior número de servizos foi o sábado, cunha media de 252 intervencións”.
Doutra banda, Flores felicitou ao SEIS polos tempos de resposta nas intervencións. “Das 429 actuacións urxentes, chegouse en menos de 5 minutos no 22% e en 12 minutos como máximo no 93% das intervencións; e o 56% dos sinistros resolvéronse en menos de 45 minutos” indicou.
Do mesmo xeito lembrou o investimento de dous millóns de euros para realizar obras de mellora no Parque de Bombeiros como a nova cocheira avanzada para os vehículos do SEIS e para a renovación dos medios técnicos cun vehículo de rescate en altura, un vehículo auxiliar de rescate ou a mellora da rede de hidrantes contra incendios, entre outros.
Flores finalizou destacando que, de face a 2014, impulsarase un programa educativo sobre seguridade cidadá e emerxencias para seguir incidindo na prevención de riscos; investirase máis de 1 millón de euros para continuar mellorando o parque de Bombeiros coa construción dunha nova torre de prácticas no Parque de Bombeiros e a adquisición dun novo vehículo lixeiro e un camión de rescate en altura; e finalizarase a formación, equipamento e despregamento da Unidade de Rescate en Litoral.











