As reformas no CEIP O Pombal de Vigo ascenderon a máis de 640.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+
Bravo Bosh na visita ao cenro vigués

Bravo Bosh na visita ao cenro vigués

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de rematar os traballos de pavimentación do acceso ao centro e do patio do CEIP O Pombal de Vigo, o que eleva a máis de 640.000 euros o investimento executado para a reforma integral e ampliación do centro educativo.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá o centro para comprobar in situ a finalización dos traballos de pavimentación que se acometeron durante os últimos meses cun investimento de case 58.000 euros. Estas obras consistiron na preparación da superficie a pavimentar –viais interiores de acceso ao centro e patio- aloxando as tubarias necesarias e a colocación dun empedrado prefabricado.

Bravo Bosch, que estivo acompañada pola directora do colexio e o xefe territorial de Educación, lembrou que esta execución ven a sumarse aos traballos integrais realizados con anterioridade no CEIP e que consistiron nunha habilitación de espazos que, ademais da realización dunha nova cuberta e a ampliación do comedor, supuxo a creación de catro novas aulas no andar superior.

Deste xeito, e como resultado da reforma, o CEIP conta agora con oito aulas habilitadas na planta segunda, xunto ás cinco xa existentes na planta primeira, para dar resposta ás necesidades educativas dos máis de trescentos estudantes. Das catro novas aulas, unha delas destínase a impartir clases de primeiro ciclo, outra a aula de música e psicomotricidade, e as dúas restantes son aulas para desdobres. Así mesmo a reforma serviu para mellorar a accesibilidade do colexio.

A obra de ampliación do comedor permitiu que este pasara a ter na actualidade 118 m2 fronte aos 33 m2 anteriores, dando servizo a máis de cen comensais. Unha actuación coa que se deu resposta ás necesidades da comunidade educativa. Esta obra, xunto ás melloras realizadas nos comedores dos CEIP Friáns- Teis, Otero Pedraio e Balaídos, e as dos IES Illas Cíes e Pintor Laxeiro, supuxo un investimento total de 1,5 millóns de euros enmarcados no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia de ampliar o número de comensais que podan facer uso do servizo complementario de comedor escolar.

Cómpre salientar ademais o investimento de preto de 32.000 euros que a Consellería ten realizado para a implantación de diferentes programas educativos en prol da mellora da calidade educativa neste colexio. Neste sentido cabe lembrar que este centro participou o pasado curso en dúas das liñas de actuación dos contratos-programa, en concreto nas de reforzo, orientación e apoio e de mellora da lectura, da escritura e do cálculo.

Máis material para a Biblioteca

O CEIP O Pombal conta tamén cunha aula dixital e está integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares desde o primeiro curso de funcionamento deste. Neste ámbito, hai que lembrar que a Xunta vén de dotar a biblioteca de máis material, en concreto: 2 mesas de lectura, 5 andeis e 1 armario.

3 de febreiro de 2014 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.