As operacións de corrupción tensionan o pleno de Santiago
O pleno extraordinario sobre o presuposto municipal de Santiago que se celebrou este venres viviu un momento de tensión á súa finalización ao producirse un cruzamento de reproches entre o alcalde a cidade, Ángel Currás (PP), e o edil socialista Bernardino Rama polas investigacións sobre corrupción levadas a cabo no Concello e as imputacións nas que ambos os dous están envolvidos.
Neste intercambio dialéctico, o primeiro tenente de alcalde, Reyes Leis, chegou a chamar “Padriño” a Rama –segundo ela mesma recoñeceu en rolda de prensa posterior–, nome co que edil socialista figura no sumario da Operación Pokémon, despois de que este botase en cara a Operación Patos ao rexedor, entre outras cuestións.
“Da rotonda e estanque imos falar”, espetoulle Rama a Currás, mentres Reyes Leis lle chamara “Padriño” a quen foi o responsable de Obras co alcalde socialista Xosé Sánchez Bugallo.
Posteriormente, Reyes Leis sinalou a preguntas dos medios que “se lle está a dar moita importancia” a esta cuestión, pois “cando os debates dentro do pleno son máis tensos ou máis difíciles ao final se producen situacións estrañas”.
“Eu entendo que ao señor Bernardino lle doia determinadas alusións, pero creo que cando un fixo cousas mal feitas terá que dar conta delas á cidadanía e á xustiza”, recriminou Reyes Leis. “Chamarlle Padriño é algo coñecido por todos, que está en moitos medios,” xustificou.
“Entendo que ao señor Bernardino Rama, que se lle chame Padriño… non llo chamo eu, chámalle Vixilancia Aduaneira, e ademais era ben sabido nesta cidade as actuacións de Bernardino, que moitas delas remataron no xulgado,” proseguiu. “E os regalos que recibiron de Vendex algunhas compañeiras do seu grupo de goberno parece que non gustou que se lles dixese”, criticou.
Na súa intervención ante os medios, Reyes Leis continuou con esta explicación: “A min o que non me gusta nesta vida, xa a título persoal, non a título concelleira, é que alguén diga ou critique o que fai o de en fronte, cando o que fixo esa persoa está tremendamente multiplicado por moitas veces peor”.
“XULGANDO MOITO O GOBERNO”
Nesta liña, Leis aproveitou para denunciar que “se empece a ver todo o que se fixo atrás”, porque “nestes momentos se está a xulgar moito o goberno da cidade por determinadas cuestións que non teñen demasiada importancia xuridicamente”, cando se sabe o que hai dende hai moitos anos”.
Se ben, Reyes Leis explicou que “normalmente hai un trato cordial e respectuoso” coa oposición, apunta que “pasa como á xente da rúa, cando hai unha situación desagradable”, aínda que admitiu que “non é a mellor imaxe”. “Eu creo que o señor Bernardino se equivocou facendo alusión á Cidade da Cultura”, pois, “ese caso quedou pechado e non afectou para nada ao alcalde”.
“O que tampouco se pode consentir á bancada socialista é que cando está a intervir o alcalde estean a facer intervencións cando sempre se respecta a quenda a eles”, apostilou.
“NON HOUBO INSULTOS”
Pola súa banda, preguntado por esta cuestión en rolda de prensa, o voceiro socialista, Francisco Reyes, apuntou que ata onde el “coñece”, “non houbo cruzamento de insultos” máis alá do rifirrafe verbal.
Sobre este extremo, Francisco Reyes limitouse a remarcar que o espazo institucional do pleno “require o máximo respecto institucional” e “gardar clarísimamente as formas”, de maneira que “quen ten que dar exemplo é quen preside”, se ben, “o que pasa no pleno pode ter consecuencias fóra dese espazo institucional que xa sería a rúa”.
A isto engadiu Francisco Reyes que “outra cousa é que cada quen ten o seu estilo”, segundo censurado, “por exemplo, o do señor alcalde presidindo e facendo os seus comentarios ao final das intervencións dos demais”, polo que “chega un momento que pode haber alguén que esgote ata certo punto a paciencia”.
Finalmente, apuntou que o grupo socialista vai ter a súa reunión habitual para avaliar o pleno, e “obviamente”, abordarán tamén o acontecido á súa saída.
O ALCALDE ESTÁ “TREMENDAMENTE NERVIOSO”
Así mesmo, o voceiro do BNG na Corporación Municipal, Rubén Cela, sinalou que o Bloque non vai entrar “na estratexia do e ti máis”, de forma que defende que “a xente que cometeu actos que non debía cometer asuma a súa responsabilidade”.
“Quen estea imputado por casos de corrupción que dimita de modo inmediato, sexa do PP, do PSOE, e da cidade que sexa”, deixou claro Rubén Cela, tras destacar que no Concello de Santiago 10 dos 13 concelleiros populares están imputados por diversas causas.
Xunto a isto, Rubén Cela cargou contra a actitude do alcalde “absolutamente a desesperada”, “tremendamente nervioso”, que “está a cometer muchísimas torpezas froito dese nerviosismo”. “É evidente que a situación lle supera”, lamentou, por iso volveulle pedir que dimita.
“FAI MOITO TEMPO QUE NON VEXO CONDE ROA”
Noutra orde de cousas, Reyes Leis foi preguntado sobre se coñece os motivos polos que o exalcalde de Santiago Gerardo Conde Roa vai volver prestar declaración a petición propia o próximo 7 de marzo ante a xuíza instrutora da ‘Operación Pokémon’, Pilar de Lara.
“A verdade é que non o sei porque hai moito que non vexo Conde Roa e non teño coñecemento do que vai levar á xuíza”, respondeu. Neste sentido, sinalou que “en todo caso, será o que el crea oportuno, el é avogado e ademais coñece moi ben o funcionamento xurídico, e farao para demostrar a súa inocencia.
Sobre se o que vai levar ante a xuíza ten que ver co anterior goberno bipartito no Concello de Santiago, Leis resolveu que, “por lei”, “se ten coñecemento dalgún acto delituoso ten que poñelo en coñecemento”.











