As obras acometidas nas principais rúas de Cambre permitirán dinamizar o comercio local
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o concello de Cambre para comprobar o resultado das obras executadas na rúa Constitución, no núcleo do Temple, para mellorar a súa imaxe de cara a favorecer e dinamizar o comercio local do seu entorno. O proxecto contou cunha achega por parte da Consellería de Economía e Industria de 72.000 euros. Parte destes fondos tamén se destinou a unha campaña para atraer e fidelizar á clientela.
Acompañada polo alcalde do municipio, Manuel Rivas, Do Campo explicou que os traballos foron acometidos no tramo comprendido entre a rúa da Tapia e a praza Manuel Murguía. Aquí, substituíuse o antigo pavimento por outro, co fin de unificar o acabado da beirarrúa e eliminar as plaquetas e zócalos en mal estado. Ademais, executouse unha nova rede de pluviais con conexións ás baixantes dos edificios.
Estas accións permitirán mellorar o acceso á rúa tanto para os peóns como para os vehículos, contribuíndo a dinamizar e a atraer o consumo nunha das principais arterias comerciais do Temple e, por extensión, de todo o municipio.
A delegada territorial sinalou que a subvención concedida enmárcase no programa de Economía e Industria para impulsar a incrementar a competitividade do comercio de proximidade. Neste exercicio, a Dirección Xeral de Comercio ven de destinar preto de 1,5 millóns de euros a 32 concellos coruñeses para a adecuación e modernización da súas zonas comerciais, a potenciación das prazas de abastos e a posta en marcha de actuacións de dinamización comercial.
Neste senso, a máxima representante do Goberno galego na provincia indicou que a colaboración coas entidades locais resulta imprescindible “pola súa cercanía ao comerciante e polo seu coñecemento directo do comercio local”. “Pola súa calidade e proximidade, o pequeno comercio é un patrimonio que entre todos debemos impulsar e apoiar, e un importante motor de emprego”, concluíu Do Campo.











