As novas propostas lúdico-formativas do programa Ociourense inclúen buceo ou fotografía de retratos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A concelleira de Saúde e Benestar Social, Marga Martín, e o coordinador do programa, César Fernández, presentaron esta mañá no Salón de Plenos do Concello de Ourense unha nova edición do programa Ociourense, que se ofrecerá por cuarto ano consecutivo.

O programa conta cun orzamento de 60.000 euros, cofinanciado entre o Ministerio de Sanidade (que aporta 42.000 euros), e o Concello de Ourense (18.000), e está dirixido a mozos e mozas de entre 14 e 30 anos, como alternativa ao seu tempo de lecer durante as fins de semana. O obxectivo fundamental é ofrecer pautas de ocio saudables que reforcen a protección dos mozos e mozas fronte ao consumo de drogas.

Nesta edición incluiranse como novidades buceo e fotografía de retratos, propostas que  se incluirán entre as 22 actividades deportivas, culturais, lúdicas e formativas ofrecidas. Son as seguintes: BTT, piraguismo, escalada, parkour, circo, buceo, patinaxe, baile, cociña, foto de retrato, rutas culturais, sendeirismo nocturno, xogos de sempre, globoflexia, cócteles sen alcol, rol en vivo, andaina e cazafoto.

O prazo de inscrición da comezo o próximo luns, día 17 ás 15 h. para o primeiro bloque de actividades. Os métodos de inscrición son os habituais noutras edicións: a través da páxina de facebook Ociourense, ou mediante a páxina web ociourense.es.

Obxectivos e criterios fundamentais

“Ociourense” manterá como obxectivos xerais a promoción da saúde desde o ámbito municipal, introducir pautas de ocio que fomenten o desenvolvemento persoal e a creatividade, ofrecer espazos públicos e actividades para un ocio divertido, activo e positivo e xerar unha rede de mozos capaces, cercanos e próximos que realicen actividades saudables. Máis concretamente, a organización das actividades responde aos seguintes criterios:

– Desde unha perspectiva deportiva, preténdese dar a coñecer e experimentar actividades pouco comúns, buscando sensacións e aprendizaxes que nos leven a profundizar nas mesmas.

– Desde un punto de vista cultural, a idea é promocionar a socialización, apoio e confianza nos demáis coa creación artística, plástica e imaxinativa.

– Desde o enfoque lúdico, promóvese a participación en actividades colectivas buscando a interrelación entre iguais.

– Desde a perspectiva formativa, o obxectivo é aportar información clara e obxectiva sobre diversas temáticas e situacións que poidan plantexar conflitos aos mozos e mozas, e anticipar posibles situacións que poidan supor un risco para a saúde; así como mellorar a información sobre os efectos das bebidas alcolicas a través do coñecemento e valoración de bebidas sen alcol.

14 de febreiro de 2014 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.