“As grandes divas do jazz” inicia en Oleiros o ciclo “Voces cálidas para noites de inverno”
O Concello de Oleiros organiza o próximo sábado día 8 de febreiro ás 20.30 horas no auditorio do complexo cultural A Fábrica un concerto titulado «As grandes divas do jazz». A cantante Marian Ledesma, acompañada por catro grandes músicos de bandas como Miki Nervio and The Bluesmakers ou May Thai and The Torino Rockets, ofrecerá un repaso por grandes cancións da historia do jazz interpretadas por mulleres. Nesta actuación, que inaugurará o ciclo programado polo Concello Voces cálidas para noites de inverno, soarán temas de Bessie Smith, Elizabeth Cotten, Minnie Memphis, Dinah Washington, Billie Holliday e a grande deusa Ella Fitzgerald. Ademais das cancións poderanse coñecer tamén anécdotas das súas vidas e do contexto social no que se desenvolveu un dos movementos musicais máis importante do século XX. As entradas poñeranse á venda unha hora antes do inicio dos espectáculos a un prezo de 2,5 euros.











