As escolas deportivas de Ames contarán cun seguro para os seus usuarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Os 1.741 usuarios/as que asisten ás escolas deportivas do Concello de Ames contan este curso 2013-2014 cun seguro de accidentes que cobre todas as posibles incidencias que se poidan producir nas mesmas. Deste xeito, Ames convértese nun dos primeiros concellos en contar cun seguro destas características do que non dispoñían as escolas deportivas en todos os seus anos de existencia.

Nos catro primeiros meses do curso 2013-2014, as escolas deportivas de Ames rexistraron un total de 30 baixas voluntarias de usuarios, unha cifra similar á contabilizada en anos anteriores (en 2013 foron un total de 23). Deste xeito, habendo este curso 2013-2014 unha oferta maior de escolas deportivas (con novas disciplinas como ballet, ximnasia rítmica ou judo) o numero de baixas voluntarias mantense no mesmo nivel que outros anos. En total, 1.741 persoas asisten ás actividades programadas no marco das escolas deportivas amienses, fronte as 1.574 que o fixeron en 2013, o que supón 200 usuarios/as máis.

A semana pasada celebrouse unha nova sesión da comisión informativa na que se analiza o cumprimento do contrato das escolas deportivas. O Goberno amiense destaca que nesta comisión non se expuxo ningún tipo de conclusión sobre si se está incumprindo ou non o contrato e lembra que, en todo caso, esta é unha cuestión que debe concluír o órgano de contratación. O Executivo destaca que se está fiscalizando de xeito exhaustivo esta licitación, un control que non se realizaban en Gobernos anteriores e que debe ser o que rexa todos os contratos municipais.

O Goberno amiense subliña que por primeira vez, e grazas ás xestións realizadas, os usuarios das escolas deportivas amienses contan cun completo seguro que cobre todas as incidencias que se poidan producir nas mesmas. Ademais, o Goberno amiense procedeu á compra e renovación de material das escolas deportivas e, aínda así, continúa obtendo un considerable aforro. Agora, as bicicletas de spinning son propiedade municipal e foron adquiridas con 2.000 euros de aforro sobre o seu prezo taxado, ao que se suma o aforro dos 180 euros mensuais que a anterior contrata cobraba polo seu mantemento.

Ao respecto da empresa, na comisión quedou de manifesto que conta con experiencia no sector deportivo, xa que posúe unha división específica coa que xestiona actividades deportivas en varios concellos de Galicia.

Cumprimento da legalidade

A concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, reitera unha vez máis que en todo momento no proceso de licitación das escolas deportivas se cumpriu a legalidade e que se traballou para defender os intereses do Concello e non os empresariais ou persoais. A concelleira fai fincapé en que se cumpriu estritamente a legalidade, seguindo todos os trámites establecidos pola lei e as valoracións realizadas polos técnicos sobre as diferentes ofertas presentadas a concurso. Unha vez máis, instou a que se acuda á Xustiza en caso de ter a certeza de que o proceso non se realizou correctamente.

Sobre o control que se está facendo do servizo, a concelleira explicou que está en permanente contacto con monitores e usuarios de cara a avaliar o desenvolvemento do servizo e solucionar as posibles incidencias, facendo un seguimento exhaustivo do contrato. Eugenia Martín recordou que será no marco desta comisión no que se analice se hai que apercibir á empresa por algún aspecto.

17 de febreiro de 2014 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.