As ANPAS de Mos poderán inscribirse ata o día 24 nun programa de formación transversal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Dende o departamento municipal de Educación que dirixe a edil Kely Monzón estase a organizar o programa “Contigo na educación” que consta dunha serie de charlas de formación transversal e continua poda chegar a tódolos/as membros da comunidade educativa, involucrando tamén no posible ao profesorado, e sobre todo as familias, os axentes máis importantes e influentes na educación dos nenos e nenas.

Mediante esta iniciativa ofertarase un listado de diversas charlas, e serán as ANPAS en colaboración co departamento de orientación do centro, as que elixirán as charlas que desexen realizar. O listado de charlas a elixir entre as existentes no programa “Contigo na educación” é o seguinte: Nutrición e prevención de trastornos alimenticios, Sexualidade e afectividade, Convivencia, “Descubre o teu poder persoal, o noso potencial ante diferentes situacións”, Como combater a ansiedade: remedios naturais, Flores de Bach, Internet e redes sociais, alerta, como actuar, Prevención da discriminación e violencia de xénero: igualdade nas relacións, Acoso escolar, Alcohol e drogas, A intelixencia emocional, importancia das emocións na nosa vida, Motivación e técnicas de estudo, Como axudar no reforzo educativo, e Prevención e actuación ante as condutas agresivas.

Cada ANPA, contando coa opinión do departamento de orientación do centro, poderá solicitar como máximo 2 charlas, unha para cada un dos períodos propostos do 2014. As charlas formativas realizaranse ao longo do 2014, parándose no período de vacacións e poderá seleccionarse unha charla para cada período. Os períodos para levar a cabo as charlas serán os seguintes: 1º período de marzo a xuño de 2014 e 2º período de setembro a decembro de 2014

As charlas terán unha duración aproximada de entre 1 e 3 horas como máximo, o horario é flexible. A data e horario das charlas será elixido polas ANPAS que o soliciten.

As ANPAS interesadas en beneficiarse desta iniciativa terán de prazo ata o 24 de febreiro para entregar no Rexistro do Concello a solicitude de participación no programa “Contigo na educación” xunto coas dúas charlas escollidas e a temporalización de cada unha. O prazo de resposta por parte do Concello comunicándolle a admisión no programa, será a partir do 26 de febreiro.

As ANPAS que finalmente participen no programa entregarán o listado cos datos dos/as participantes de cada charla, como moi tarde, 2 semanas antes do seu comezo. O prezo dos obradoiros para os participantes será de balde

Sobre esta iniciativa a concelleira Kely Monzón declaraba esta mañá que “canto mellor sexa a formación dos diferentes axentes educativos, máis completa e de maior calidade será a educación dos nenos e nenas. Investir na formación dos pais e das nais é investir na mellora da educación da sociedade futura, é traballar polo futuro”.

5 de febreiro de 2014 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.