As actuacións en materia de Igualdade en Bueu acadaron os 170.000 euros nos últimos catro anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuLocal Portada
A-
A+
Rueda durante a visita a Bueu. Foto: C. Fernández

Rueda durante a visita a Bueu. Foto: C. Fernández

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o Concello de Bueu co fin de coñecer de primeira man as actuacións que se están levando a cabo en materia de igualdade así coma o funcionamento do seu Centro de Información á Muller (CIM).

Ademais do alcalde da localidade, Félix Juncal, durante a visita a Bueu Rueda estivo acompañado da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Na súa intervención, o vicepresidente subliñou o compromiso do Goberno galego coa Igualdade, con iniciativas transversais que implican a todos os departamentos da Xunta. Segundo dixo, para a Xunta é prioritario acadar unha igualdade real entre homes e mulleres e erradicar a lacra da violencia de xénero. Por iso, este compromiso queda referendado un ano máis con liñas de axuda específicas tanto para os CIM coma para os concellos co fin de que desenvolvan programas de prevención da violencia de xénero e a prol da igualdade.

Rueda expuxo tamén que o apoio aos concellos en materia de igualdade é un exemplo da cooperación entre administracións a prol do cidadán, unha vía pola que hai que seguir apostando xa que se a suma de esforzos permite evitar duplicidades e gañar en eficiencia.

Investimentos
Nos últimos catro anos a Vicepresidencia da Xunta leva investidos uns 170.000 euros en Bueu para financiar distintas iniciativas municipais e para o funcionamento do Centro de Información á Muller. En concreto, o ano pasado achegou un total de 47.000 euros, na súa maioría para o CIM, que conta con servizos de asesoría xurídica e de asesoramento psicolóxico.

En 2013, as axudas aos concellos en materia de igualdade acadaron os 3,3 millóns de euros, dos cales case un millón destináronse á provincia de Pontevedra. Na comarca do Morrazo (da que Bueu forma parte) o montante de axudas no período 2009-2013 ascendeu a preto de 700.000 euros.

19 de febreiro de 2014 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.